Skip to main content

A Xunta de Galicia investirá preto de 1'6 millóns de euros na construcción dun edificio multiusos en Chantada

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás, e o alcalde de Chantada, Manuel Varela, asinaron un convenio de colaboración para a construcción dun edificio multiusos no que se ubicarán a casa consistorial e un edificio comarcal que albergará os servizos administrativos deste concello e das oficinas que a Xunta de Galicia ten nesa localidade, ademais de servizos educativos municipais como a escola de música.

As actuacións previstas no convenio suporán un investimento da Xunta de Galicia de preto 1,6 millóns de euros, repartidos entre as Consellerías de Xustiza, Medioambiente e Educación. Así, a Consellería de Xustiza ten previsto realizar unha inversión de 845.000 euros no periodo 2005-2007, mentres que a Consellería de Medio Ambiente comprométese a investir 600.000 euros no periodo de tempo 2005-2008, e a Consellería de Educación 150.523 entre os anos 2005 e 2007.

As actuacións previstas enmárcanse dentro da liña de colaboración que a Xunta de Galicia mantén coas administracións locais, coa pretensión de que estas conten cos instrumentos adecuados para a prestación de servizos da súa competencia. Ademais, preténdense potenciar as actuacións tendentes a que os concellos conten con casas consistoriais dignas e apropiadas, adecuadas ao crecente número de competencias que éstes veñen prestando na sociedade de hoxe en día.

A tramitación e adxudicación das obras será realizada, segundo se recolle no acordo asinado hoxe, polo concello conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto ás Consellerías asinantes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia