Skip to main content

O Sergas investirá uns 500.000 euros na construcción dun novo centro de saúde en As Somozas

O Servizo Galego de Saúde ten previsto investir ao redor de 500.000 euros na construción dun novo centro de saúde no concello de As Somozas. A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, e o alcalde deste municipio coruñés, Manuel Candocia Ramos, asinaron un protocolo entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de As Somozas polo que se establecen as bases para a futura construción da que será unha nova instalación sanitaria pública galega.

Segundo o protocolo asinado, este concello comprométese a xestionar a aprobación da posta a disposición do Sergas dos terreos necesarios para a normal execución das obras de construción do futuro centro de saúde, que terá unha superficie construída estimada de aproximadamente 700 m2, de acordo coas necesidades funcionais do Sergas. Así mesmo, o concello dotará a este parcela das infraestruturas necesarias, tales como accesos rodados e peonís, abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica, alumeado, telefonía, etc, obrigándose a que estean totalmente executadas antes do inicio das obras polo Sergas.

PLAN FUNCIONAL

O plan funcional elaborado polo Sergas, no que se recollen as dotacións do futuro centro, contempla, na área asistencial, 2 consultas médicas, 1 de enfermería, 1 de pediatría, 1 para a matrona e unha sala de Educación Maternal. Na área clínica, o centro disporá de 1 consulta de urxencias e probas diagnósticas, 1 polivalente, almacéns, sala de espera, etc. Por último, na área de administración, o centro contará, entre outras dependencias, cun local para o persoal, recepción, sala de reunións/biblioteca, arquivo e aparcamentos acordes co volume asistencial do centro.

NOVIDADES INMEDIATAS

Ata a entrada en funcionamento deste nova instalación sanitaria, o Sergas seguirá mellorando e incrementando os servizos que presta aos veciños de As Somozas e, así, no vindeiro mes de xullo, comeza a funcionar a cita previa no centro de saúde, e, ademais, tamén nesas datas, todos os pacientes que de xeito periódico precisan someterse a controis de anticoagulación oral (programa sintrom), poderán realizar xa estas análises no propio centro de saúde, sen necesidade de ter que desprazarse ata o hospital C.H. Arquitecto Marcide, como acontecía anteriormente.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)