Skip to main content

A Xunta destina máis de 3 millóns de euros á posta en marcha de 21 plans experimentais de emprego en 2005

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais destina este ano máis de tres millóns de euros á posta en marcha de 21 plans experimentais de emprego. As iniciativas desenvolveranse en localidades das catro provincias galegas e beneficiarán a máis de 1.800 desempregados.

O obxectivo deste tipo de proxectos é facilitar o acceso ao traballo dos colectivos con máis dificultades para logralo, ben pola súa pertenza a un determinado colectivo (mulleres, discapacitados, inmigrantes…), ben pola falta de experiencia laboral. Os programas experimentais de emprego poñen en marcha actuacións combinadas de orientación, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica, dirixidas á colocación no mercado de traballo das persoas desempregadas.

As entidades que desenvolven os programas son organizacións sen ánimo de lucro e entidades locais. Todas contan con experiencia na realización de actividades dirixidas ao acompañamento de desempregados en procesos de inserción laboral por conta propia ou allea.

PLAN DE ACCIÓN PARA O EMPREGO

As accións dos plans van orientadas, con carácter xeral, á mellora da ocupabilidade e integracións dos desempregados sinalados como prioritarios na definición anual do Plan de Acción para o Emprego, entre os que se atopan persoas con discapacidade, inmigrantes, mulleres con problemas de integración laboral e traballadores desempregados en risco de exclusión social, así como os perceptores de subsidio e prestacións por desemprego e da Renda Activa de Inserción. Tamén os perceptores da Renda de Integración Social de Galicia, sempre que figuren inscritos como demandantes de emprego.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asumiu o traspaso da xestión dos programas experimentais en materia de emprego no ano 2004, poñendo á disposición do Servicio Público de Emprego de Galicia unha nova ferramenta para acadar os seus obxectivos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia