Skip to main content

A Consellería de Pesca adica máis de 2 millóns de euros ó Plan de Portos de Baiona

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, e o patrón maior de Baiona, Jesús López Méndez, asinaron o Plan de Porto de Baiona, que organiza os principais investimentos da Xunta para modernizar o sector pesqueiro local nos próximos anos. O orzamento inicial estimado é de máis de 2 millóns de euros.

En primeiro lugar, o Plan de Portos recolle a construcción dunha nave de dúas plantas, cunha superficie total de 1.600 metros cadrados. O custe estimado desta nave é de 720.000 euros. O Plan propón a instalación nesta nave de servicios sanitarios, vestiarios e gardaroupas, sala de vixilancia, laboratorio, aula taller e escola de redeiros; entre outras das actuacións previstas neste Plan.

Unha das principais actuacións é a posta en marcha dunha sala de transformación, envasado e etiquetado, que conta cun presuposto de máis de 173.000 euros. Estes cartos adicaranse á instalación de dúas liñas de producción. Na primeira conxelarase polbo para que o pósito poda vendelo directamente. Na segunda liña extraeranse as gónadas da producción local de ourizo, que foi de 27.000 quilos en 2002.

Os mariscadores e mariscadoras poderán dispor da súa propia semente a través da instalación dun minicriadoiro. O orzamento previsto para esta actuación é de máis de 77.000 euros. A producción estimada é de 7 millóns de semente, que permitirán o avance do sector marisqueiro local evitando que os profesionais teñan que recurrir á compra de semente foránea.

Unha das instalacións que se ubicarán na nave será unha sala de selección de percebe de 300 metros cadrados. Cos fins de mellorar o control sobre a explotación deste recurso e facilitar o traballo dos percebeiros, que é o colectivo máis numeroso do pósito, instalaranse 10 mesas de aceiro e varios fregadeiros. O investimento inicial é de máis de 10.000 euros. A mesma cantidade está comtemplada para a instalación dunha cetaria, con capacidade para 250 quilos de crustáceos. Coa cetaria, os profesionais poderán adaptar a súa oferta de productos á demanda real do mercado en cada momento, co que conseguirán máis beneficios.

Tamén na nave estará a nova depuradora, con capacidade para 1.000 quilos de bivalvos e 400 quilos de crustáceos. O orzamento previsto no plan é de máis de 62.000 euros, que posibilitarán ós mariscadores do pósito vender directamente, evitando intermediarios, co que aumentarán os seus beneficios. O seu traballo será máis áxil mediante a compra dunha báscula etiquetadora, de máis de 2.500 euros.

Case 60.000 euros é o orzamento inicial para a compra dunha embarcación de salvamento, que sufragará a Xunta. Esta lancha irá impulsada cun motor de 260 HP e será operada polo persoal do pósito.

O Plan de Portos contempla a instalación nunha parte da nova nave do xerme dunha futura escola de redeiros. En principio, instalarase equipamento por valor de máis de 4.900 euros, co que as embarcacións xa non terán que desprazarse a outros peiraos para reparar os seus aparellos.

Os vestiarios, tamén ubicados na nova nave, contarán con dúas zonas de duchas e bancadas nun espacio duns 60 metros cadrados. A instalación dunhas 100 duchas axudará a mellorar as condicións de traballo dos profesionais.

Na nave tamén estará emprazada unha sala para o persoal de vixilancia da confraría. Estes operarios contarán ademais con novos aparellos de comunicacións, especialmente pensados para as operacións de vixilancia dos bancos percebeiros. Por outra banda, adquiriranse 3 bolsas de rede para cada percebeiro cun volume homoxéneo, o que permitirá un mellor control dos cupos.

O Plan de Porto de Baiona dotará á lonxa de numerosas infraestructuras para mellorar a manipulación dos productos pesqueiros. A Consellería de Pesca investirá 429.000 euros na instalación de seis expositores de frío, unha máquina de clasificación e pesaxe automático de polbo, unha carretilla elevadora cunha capacidade de 1.500 quilos, básculas e caixas para almacenar percebe e ourizos. O obxectivo destas actuacións é axilizar o control dos productos e garantir a calidade dos mesmos, mantendo a cadea de frío en todo momento.

Con esta mesma finalidade, está previsto adquirir unha furgoneta frigorífica e isotérmica cunha capacidade de almacenamento de 2.700 quilos. O vehículo empregarase para transportar o marisco e o peixe do punto de control á lonxa ou a outros puntos de venda. A Xunta investirá máis de 25.000 euros nesta actuación.

Un túnel de conxelación para mellorar o servizo de carnada é outro dos principais investimentos deste Plan de Porto. A nova instalación será capaz de conxelar ata 4.000 quilos en 12 horas, polo que se logrará unha conxelación dos productos máis rápida e eficaz. O orzamento inicialmente previsto para esta infraestructura ascende ós 120.000 euros.

O porto de Baiona disporá tamén dun pequeno laboratorio de 10 metros cadrados para levar a cabo o control das poboacións de moluscos. Segundo informou esta tarde López Veiga, trátase dun espazo onde os técnicos da Consellería de pesca en colaboración cos asistentes técnicos da confraría se encargarán do tratamento dos exemplares recollidos nas mostraxes dos bancos pesqueiros e marisqueiros. O laboratorio situarase na nova nave que está previsto construir.

O Plan de Porto presentado contempla tamén a adecuación dun aula de formación con capacidade para 20 persoas, onde se impartirán cursos ós mariñeiros e pescadores da confraría. Ademais, está previsto adecuar outra sala de 40 metros cadrados para levar a cabo as reunións entre os membros do pósito.

Actuacións en Santa Marta e Panxón.-

O documento asinado esta tarde polo conselleiro de Pesca mailo patrón maior de Baiona inclúe tamén a execución de varias actuacións no peirao de Santa Marta entre as que cabe salientar a adquisición dun sublift con capacidade para varar embarcacións de ata 25 toneladas. O novo sistema de varada permitirá que as embarcacións deste porto non teñan que desprazarse a outros para levar a cabo o seu mantemento.

O documento inclúe no porto de Panxón a construcción de 25 casetas para gardar pertrechos e outros utensilios, e a adquisición de diversas infraestructuras para a lonxa, como unha carretilla elevadora, dous expositores de frío e unha etiquetadora.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia