Skip to main content

Santiso Miramontes anuncia a creación dun polígono agrario en A Limia

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, presentou o proxecto para un Polígono Agrario en A Limia, unha “iniciativa pioneira en Galicia, que forma parte das medidas contempladas no Plan de Desenvolvemento Rural A Galicia do 2020”, anunciou o conselleiro.

O novo Polígono Agrario, que se establecerá nunha finca de 8,5 hectáreas sobre as que se urbanizarán parcelas, vial e aparcamentos en máis da metade, é dicir, 4,7 hectáreas (47.217 metros cadrados) e que é propiedade da Consellería que dirixe Santiso Miramontes, “trata de darlle resposta as necesidades do puxante sector primario nesta comarca, que require solo para establecer almacéns, pequenas industrias transformadoras, de distribución ou de servizos, a este sector punteiro, no que se integran 1.300 agricultores e gandeiros que cultivan arredor de 30.000 hectáreas pertencentes a 12 Concellos, os 11 da Limia e o veciño de Xunqueira de Ambía”.

“Con esta actuación propoñémonos potenciar unha das maiores producións agrarias de Galicia que ten na pataca, no cereal e nos cultivos forraxeiros o seu maior potencial; e que conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos, e que sen dúbida se incrementarán con este tipo de actuacións”, explicou Santiso Miramontes.

O conselleiro salientou esta actuación como “un eficaz instrumento para a ordenación territorial, a preservación da riqueza ambiental e paisaxística, e para poñer a disposición dos agricultores e gandeiros infraestruturas e servizos a un prezo reducido”.

O proxecto inclúe o movemento de terras, a dotación de firmes e pavimentos, as redes de abastecemento e saneamento, subministro de enerxía eléctrica, iluminación pública, rede de telecomunicacións e a sinalización necesaria.

O orzamento estimado para esta actuación é, segundo afirmou o conselleiro, “de 600.000 euros, que permitirá dispoñer de 22 parcelas organizadas a ambos lados dun vial central que irá desde o entronque coa estrada N- 525 ata unha glorieta para facilitar a circulación”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia