Skip to main content

Expertos de Galicia e Portugal analizarán en Santiago os recursos hídricos na Zona Intereg

Expertos galegos e portugueses en materia de recursos hídricos participarán na xornada de Presentación dos estudos realizados no Proxecto AQUA para a implantación da Directiva Marco da Auga na Zona Interreg Galicia – Norte de Portugal. O obxectivo deste encontro é analizar as actuacións realizados por Augas de Galicia e Augas do Minho e Lima para fomentar o coñecemento e a aplicación da Directiva Marco da Auga na zona das concas dos ríos Miño e Limia.

A xornada será inaugurada ás 11:00 horas polo director xeral de Augas de Galicia, Emilio García Gallego. A continuación o subdirector xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, Jesús Manrique Merino, realizará unha breve introducción á Directiva Marco da Auga 2000/60/CE.

Para as 12:00 horas está prevista a intervención do consultor do Instituto da Auga de Portugal Pedro Cunha Serra, que abordará o Proxecto AQUA como traballo preparatorio de implantación da directiva marco da auga nas cuncas dos ríos Miño e Limia. A xornada rematará co relatorio do consultor de Ingeniería de Vertidos, Alejandro Maceira Rozados, que presentará as conclusións dos traballos do Proxecto AQUA e realizará unha análise dos usos da auga e de recuperación de custos.

COMPROMISO AMBIENTAL

Esta iniciativa promovida conxuntamente coa zona norte de Portugal ten como obxectivo avanzar no novo marco europeo de protección da auga. As novas políticas sobre as augas desenvolvidas pola Unión Europea fundaméntase en dúas ideas clave: a necesidade de realizar unha planificación hidrobiolóxica conxunta de todas as masas de auga en cada demarcación hidrográfica e a importancia de facer un uso eficiente dos recursos hídricos.

Con estes obxectivos vén traballando a Consellería de Medio Ambiente nos últimos anos. Nesta liña cómpre salientar as diferentes iniciativas promovidas para preservar os recursos naturais e hídricos na comunidade galega, como os plans de saneamento, os programas de xestión de residuos, o plan de ordenación dos ríos de Galicia, as iniciativas de recuperación de humidais e a Estratexia Galega de Educación Ambiental, entre outras.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia