Skip to main content

Belén Prado clausura no concello coruñés de Lousame o obradoiro de emprego Río Traba

A conselleira en funcións de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, clausurou en Lousame o obradoiro de emprego “Río Traba”, no que participaron 60 alumnos. O departamento autonómico investiu 1.031.888 euros no proxecto formativo, que durou 12 meses.

Durante o acto, a Prado animou aos participantes a continuar a súa formación ao longo de toda a vida e a aproveitar os recursos dispostos pola Xunta para facilitar a busca dun posto de traballo. Entre outros, citou a rede de técnicos de emprego e a de orientación laboral, o Servizo Galego de Colocación e as axudas ao emprego autónomo e á constitución de cooperativas.

Os 60 alumnos formáronse nas especialidades de albanelería, cantería, xardinería e carpinteríaa. Encargáronse da rehabilitación do edificio en Lousame para uso como centro social, da construcción doutro edificio con ese uso en Barro e da construcción de pasarelas de accesos ás praias de Porto do Son (Ornanda-Miñortos, Entrepuntas-Portosín, Coira-Portosín e Fonforrón-Porto do Son). A iniciativa estivo promovida pola Fundación Comarcal de Noia, composta polos municipios de Noia, Lousame e Porto do Son.

POLÍTICAS DE EMPREGO

A Xunta vén apoiando o desenvolvemento de escolas obradoiro e obradoiros de emprego na provincia da Coruña dende 1998. Dende ese ano ata o 2004, realizáronse 77 proxectos deste tipo. Este ano xa se aprobaron na primeira comisión 11 escolas e obradoiros de emprego, nos que participarán 369 alumnos.

Este tipo de programas, así coma as demais iniciativas integradas nas políticas activas de emprego da Xunta de Galicia (as axudas ao emprego autónomo, o Programa Labora, o Programa de apoio as iniciativas de emprego de base tecnolóxica, etc.) presentan unha elevada inserción laboral ( arredor do 70%)e contribúen, de xeito significativo, a diminuír o desemprego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia