Skip to main content

Manuel Fraga entrevístase con Cherie Blair, que está a participar en Santiago no programa cultural Galicia, Camiños de Concordia

O máximo mandatario autonómico, Manuel Fraga, reuniuse no seu despacho de San Caetano, coa avogada Cherie Blair, esposa do primeiro ministro británico, Tony Blair, que está a participar na capital galega no programa cultural Galicia, Camiños de Concordia, organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, en colaboración con Caixanova.

Cherie Blair ten previsto impartir unha conferencia maxistral no Centro Galego de Arte Contemporánea baixo o título Cara un mundo máis solidario. A iniciativa enmárcase dentro do programa cultural Galicia, Camiños da Concordia.

Con anterioridade, a esposa do primeiro ministro británico trasladouse, acompañada polo conselleiro de Cultura da Xunta, ao Pavillón de Galicia, onde visitou a exposición permanente Galicia, presenzas e esencias dunha cultura e procedeu á plantación dunha oliveira.

TRAXECTORIA PROFESIONAL

Cherie Blair é avogada especializada en dereitos humanos e coñecida pola súa loita contra a discriminación sexual. De feito, desde 1990 dirixe o seu propio bufete de avogados, Matriz Law, especializado na Convención Europea de Dereitos Humanos. No ano 2005 foi a imaxe dunha campaña publicitaria da Asociación de Loita contra o Cancro de Mama, a Breast Cancer Care.

Na súa loita contra a discriminación sexual Cherie Blair destaca pola súa proposta para recoñecer o día 23 de xuño como Día Internacional das Viúvas. Así mesmo, a esposa do primeiro ministro británico coopera desde hai tempo coa Asociación checa de mulleres xuristas.

Publicou, así mesmo o libro The goldfish bowl, onde relata as súas experiencias co xa falecido Denis Thatcher, esposo da Dama de Ferro, e coas mulleres doutros primeiros ministros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia