Skip to main content

O Sergas ten realizado máis de 136.000 placas e 3.099 consultas de telemedicina

Sanidade ten realizado máis de 136.000 placas e 3.000 interconsultas, dende a posta en marcha da Telemedicina na comunidade autónoma. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, durante o acto de entrega do premio da Cátedra Telefónica de Telemedicina da Universidade de Santiago de Compostela, na que acompañou ao reitor desta institución, Senén Barro Ameneiro.

Ese premio entrégase ao mellor proxecto de innovación no eido médico, e relacionado coa Telemedicina, que nesta ocasión recaeu sobre Ángel García Olaia, da Universidade Carlos III de Madrid. A telemedicina está operativa en máis de 30 centros das catro provincias galegas con tres especialidades: telerradioloxía, teledermatoloxía, e teleoftalmoloxía; e xa se comezou coa de teleneumoloxía.

O Sergas potenciou a telemedicina dende a súa posta en marcha, e feitos como esta Cátedra, xunto cos profesionais do Sergas -destacou José Manuel González- contribuíron de xeito significativo á implantación deste servizo na comunidade. “O emprego dos sistemas telemáticos coa fin de promocionar ou dar soporte a servizos médicos independentemente da distancia que separe aos que ofrecen dos que reciben, é hoxe unha realidade”, e “non hai máis que constatar as tecnoloxías, os dispositivos e os sistemas que se incorporaron e se manexan habitualmente nos centros sanitarios”, continuou o conselleiro de Sanidade.

EVITAR DESPRAZAMENTOS E REDUCIR TEMPOS

Galicia vén apostando dende hai xa case catro anos pola implantación de procesos de Telemedicina, entendidos como a utilización das ferramentas de tecnoloxías da información na práctica médica, independizándoa da localización xeográfica dos medios e recursos sanitarios. As características socioeconómicas de Galicia, e en particular a elevada dispersión da poboación, ten como consecuencia unha gran distribución dos recursos sanitarios, polo que, as redes de telecomunicacións se presentan como unha ferramenta básica de cara a permiti-lo intercambio de todo tipo de información (voz, datos, imaxes...), entre os distintos profesionais dos diversos centros sanitarios.

Os programas de telemedicina considéranse unha das principais ferramentas tecnolóxicas para reforzar e axilizar a atención asistencial aos pacientes, xa que permite prestar asistencia con maior rapidez aos usuarios que viven nas áreas máis afastadas ao hospital de referencia; e permite difundir e formación entre os distintos colectivos sanitarios.

Así conséguese, por unha banda, evitar desprazamentos aos pacientes, e, por outra, a axilización do proceso, rebaixando os tempos de emisión de informes clínicos en estas especialidades directamente relacionadas coa xestión da imaxe. Pola súa natureza, estas redes permiten a comunicación de todo tipo de información (voz, datos, imaxes) cunha grande axilidade e son a solución máis axeitada para fomenta-lo traballo de colaboración e avanzar no desexo de consegui-la ubicuidade da información, calquera que sexa a orixe ou o destino da mesma.

AMPLA REDE EN CONTINUA EXPANSIÓN

Estanse a ampliar as especialidades e consultas mediante telemedicina en Galicia, posto que xa se fixeron sesións de teleneumoloxía. Ao tempo, vaise estendendo este servizo, operativo xa en máis de 30 centros de saúde das catro provincias con tres especialidades: teleradioloxía, teleoftalmoloxía e teledermatoloxía.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)