Skip to main content

Celso Currás inaugura as Xornadas Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible

O director xeral de Centros e Ordenación Educativa, Alberto González Armesto, inaugurou as xornadas Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible, dirixidas ao profesores de Educación Primaria, Secundaria e Formación Profesional de Galicia.

Alberto González salientou a importancia deste tipo de xornadas para fomentar un debate entre especialistas e trasladar ás aulas información rigorosa e científica. Con estas sesións, manifestou González , analizaranse as diversas fontes enerxéticas, incentivarase o papel da educación cara lograr unha sociedade máis formada no ámbito ambiental e promoverase o encontro e a reflexión dos diversos axentes sociais involucrados.

Durante as xornadas impartiranse diversas ponencias e mesas redondas, elaboraranse obradoiros de traballo e efectuaranse visitas a diversos contornos de interese enerxético como pode ser o parque Eólico Experimental de Sotavento ou a Central Térmica das Pontes, entre outros lugares.

Os obxectivos fundamentais que se perseguen con este encontro son, entre outros, favorecer o intercambio de experiencias educativas e a cooperación docente a nivel nacional e internacional.

Ademais os 200 participantes previstos analizaran a problemática enerxética e o desenvolvemento sostible, promoveran a reflexión e o debate sobre o consumo de enerxía, e formularan posibles enfoques didácticos ao respecto co fin de propiciar un cambio de actitudes cara un consumo responsable e de aforro enerxético.

As xornadas Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible contarán con importantes ponentes, tanto de nivel nacional como internacional, entre os que cómpre salientar a presenza do doutor Yuri Milachay, da Universidade de Ciencias Aplicadas do Perú, Juan Fundora, da Universidade Pedagóxica da Habana, ou Albert Gras-Marti, da Universidade de Alacante.

CONTIDOS

Os contidos que se exporán durante estes tres días de conferencias son: a enerxías, os recursos esgotables e renovables, a sostibilidade e o programa enerxético, así como o impacto ambiental e as novas tecnoloxías.

No tocante ao ensino desenrolarase o tratamento didáctico da enerxía no desenvolvemento curricular, debatiranse diversas propostas educativas e metodolóxicas de aula, e formularanse recursos e materiais tanto para a formación docente como para expoñer na aula.

Nas xornadas Educación, Enerxía e Desenvolvemento Sostible ademais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria colaboran o Instituto Enerxético de Galicia, e a Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia