Skip to main content

O 061 aconsella extremar as precaucións na operación saída das vacacións de verán

A Consellería de Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, recorda que na operación saída do ano pasado atendeu a 142 persoas involucradas nun accidente de tráfico. Ante estes datos o 061 recomenda extremar as precaucións para evitar os accidentes nestas datas da operación saída de vacacións (desde o día 1 de xullo ás 15:00 horas ata o día 3 ás 24:00 horas). Tendo en conta que calquera pode ser útil mentres a asistencia se atopa en camiño, o organismo sanitario aconsella á poboación como actuar no caso de atoparse cun accidente de tráfico xa que a colaboración co 061 pode salvar moitas vidas ou evitar lesións moi graves.

O 061 é un dos primeiros participantes nos accidentes de tráfico, e sendo estes o segundo motivo de demanda de asistencia en saúde, é importante destacar que a Central de Coordinación do 061 rexistrou 125 chamadas por accidentes de tráfico na operación saída de xullo do ano 2004, das que se xeraron 96 procesos asistenciais.

En total, no período contabilizado dende o venres día 2 ás 15:00 horas, ata o domingo día 4 de xullo de 2004 ata as 00:00 horas, o persoal do 061 atendeu un total de 142 persoas involucradas nun sinistro de circulación nas estradas na Comunidade galega, das que 128 tiveron que ser trasladadas ao centro sanitario correspondente e 14 foron atendidas no lugar do incidente recibindo o alta.

En relación ao sexo dos feridos, a proporción de homes atendida foi do 68,7% e a de mulleres un 31,3%. En canto ás idades dos lesionados existe un pico importante na franxa comprendida entre os 15 e os 34 anos.

Pontevedra é a provincia que rexistrou o maior número de sinistros atendidos polo 061, con 46 accidentes de tráfico. Seguíronlle A Coruña con 34 incidentes, Lugo con 10 e, no último lugar, Ourense, cun total de 6 sinistros que necesitaron asistencia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Accidentes de Tráfico (op. saída 2004)
Pontevedra 46
A Coruña 34
Lugo 10
Ourense 6
Total 96

Respecto ás cidades galegas nas que o número de incidentes atendidos polo 061 de Galicia foi maior, destaca Vigo con 8 accidentes de tráfico asistidos, Pontevedra e Lugo con 3 sinistros, A Coruña, Ferrol e Ourense con 2 e Santiago con 1.

Incidentes de tráfico (op. saída 2004)
Vigo 8
Ferrol 2
A Coruña 2
Pontevedra 3
Ourense 2
Santiago 1
Lugo 3
Total 21

CONSELLOS

En períodos de desprazamentos masivos por estrada, coincidindo coas datas nas que a poboación de Galicia comeza as súas vacacións, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 aproveita para difundir unha serie de consellos, medidas de precaución e de asistencia a feridos en accidentes de tráfico. Estas campañas de concienciación teñen como obxectivo principal reducir a sinistralidade nas estradas, así como o número de mortos e feridos.

A Fundación 061 quere aconsellar á poboación como actuar no caso de atoparse cun accidente de tráfico:

- Aproxímese prudentemente, e determine o número de feridos, en que estado están, se hai persoas inconscientes e atrapados dentro dos vehículos.

- Consiga un teléfono e marque o 061 (Urxencias Sanitarias para toda Galicia). Informe, con precisión, do lugar exacto do accidente, para poder enviar a axuda o máis axiña posible. Facilítelle á persoa que o atenda toda a información que lle solicite: número e tipo de vehículos implicados, estado dos feridos, etc.

- Despois falará con vostede un médico da Central de Coordinación do 061. Este indicaralle como pode axudar. A súa colaboración pode ser moi útil aínda que non teña experiencia. Manteña sempre o contacto por teléfono mentres chega a axuda do 061.

- Lembre que é moi importante non evacuar os feridos por medios propios sen indicación do médico. Tampouco os mova, nin lle retire o casco se son motoristas, para non lles provocar lesións medulares ou agravar o seu estado. Mentres agarda que chegue a asistencia sanitaria, protexa aos feridos do frío e conserve a calma.

- Sinalice o lugar do accidente e poña o seu vehículo fóra da calzada. Apague o motor e as luces dos vehículos accidentados retirando as chaves do contacto e en caso de camións informe sobre se é posible a presenza de substancias inflamables ou perigosas.

- A colaboración co 061 pode salvar moitas vidas ou evitar lesións moi graves.

Sinalar, por último, que estas recomendacións están a disposición da cidadanía na páxina web do 061 (www.061-galicia.com).

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)