Skip to main content

Emprego colaborará cos sindicatos agrarios na prevención de riscos laborais no campo galego

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais colaborará coas organizacións Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias-UPA e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas na realización dunha campaña de formación, información e sensibilización sobre a prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro e forestal. O departamento autonómico investirá nesta iniciativa 200.000 euros, segundo se recolle nun convenio asinado entre os responsables das catro entidades.

As accións a realizar promoverán a mellora das condicións de seguridade e saúde dos traballadores do agro, baseándose no cumprimento da normativa vixente, e informarán dos conceptos básicos da prevención de riscos. Os sindicatos agrarios levarán a cabo esta tarefa co asesoramento dos técnicos dos centros de seguridade e saúde laboral dependentes da Consellería de Emprego.

CULTURA PREVENTIVA

O obxectivo final destas actuacións é a progresiva implantación da cultura preventiva no ámbito laboral agrario e a reducción da sinistralidade. Tanto dende a Administración autonómica coma dende as organizacións agrarias considérase necesario o establecemento de accións conxuntas dirixidas a promover a seguridade dos traballadores. Unhas actuacións que se fan especialmente necesarias neste sector, debido ao descoñecemento dos titulares das explotacións en materia de prevención.

No sector agrario desenvólvense actividades potencialmente perigosas (uso de insecticidas, praguicidas, fitosanitarios, etc) o que, unido ao proceso de modernización e mecanización, fai preciso acometer formación específica para adaptarse aos cambios. Entre outros temas, trataranse os riscos de caídas, inhalación de substancias nocivas, manipulación de maquinaria, incendios, golpes producidos con ferramentas, explosións, enfermidades causadas por axentes biolóxicos, exposición a temperaturas extremas nos traballos á intemperie, etc.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia