Skip to main content

A Xunta financia con 191.900 euros a construcción e o equipamento de centros sociais en catro concellos

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 191.900 euros a construcción de catro centros sociais nos concellos lucenses de Samos, Alfoz e Cospeito e no coruñés de Negreira. Así se recolle nos convenios de colaboración asinados en Santiago entre a titular en funcións do departamento autonómico, Belén Prado, e os alcaldes dos municipios beneficiarios.

A consellería destinará 50.900 euros a subvencionar o equipamento dun centro polivalente de servizos sociais e vivenda comunitaria en Samos. O custo total desta obra elévase aos 82.292 euros, dos que 32.392 serán achegados polo concello.

En Alfoz, a Xunta achegará 45.000 euros para a adquisición de equipamento e para a instalación dun ascensor no centro complementario de servizos sociais. O concello colaborará nesta actuación con 15.000 euros.

No concello de Cospeito, rehabilitarase a escola do Pino para o seu uso como centro social. A actuación estará financiada con 65.900 euros, dos que a consellería achegará 60.000.

No concello coruñés de Negreira, emprenderase o acondicionamento dos centros sociais de Aro, A Pena, Cobas e Logrosa, así coma da oficina de servizos sociais do concello. A consellería financiará as obras con 36.000 euros, dos 46.800 que custará en total.

PLAN CONCERTADO

O financiamento autonómico dos centros realízase a través do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, que artella a cooperación económica e técnica entre a Xunta e os municipios nesta materia. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas, familias e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade.

Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que poidan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais.

No presente exercicio, o Plan Concertado conta cun orzamento total de 18.698.324€. A achega da Xunta incrementouse nun 42% nesta lexislatura, beneficiando a máis de 400.000 usuarios.
Gabinete de Comunicación de la Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia