Skip to main content

Presentado un programa de seguemento e control da carne de Ternera Gallega mediatne probas de ADN

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, asistiu á presentación do Programa de seguimento e control da trazabilidade da carne de ternera gallega mediante probas de ADN, no que amosou “a máis sincera felicitación ao Consello Regulador de Ternera Gallega pola posta en marcha deste novidoso programa”.

O obxectivo deste programa é asegurar a trazabilidade da carne certificada pola Indicación Xeográfica mediante un sistema que “sitúa á nosa carne máis emblemática na primeira liña no tocante á tecnoloxía e contribúe á actualización de técnicas e á difusión de aspectos normativos e económicos que redundan en beneficio dos produtores e dos consumidores”.

Para acadar estes obxectivos o método do programa baséase na toma de mostras das canais certificadas nos matadoiros que formará o banco de mostras, no seguimento e control da carne certificada a través de mostras no punto de venta e na recollida da mostra de verificación correspondente á mostra do punto de venda. A empresa pública Xenética Fontao é a encargada do análise das mostras, tanto as recollidas nos puntos de venda como das mostras de verificación que proceden das respectivas canais.

Santiso Miramontes destacou na súa intervención o “afán de superación e de capacidade innovadora das case 7.000 explotacións inscritas e das 70 industrias cárnicas que hoxe figuran amparadas baixo Ternera Gallega, así como dos máis de 800 establecementos que comercializan esta carne”.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, “ven incidindo nesta dirección cunha serie de liñas estratéxicas que teñen como obxectivo o incremento da calidade dos produtos agroalimentarios,- explicou o conselleiro- e, de feito, con este fin elaborouse o texto inicial da Lei de Promoción e Defensa da Calidade Agroalimentaria de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia