Skip to main content

O conselleiro en funcións da Emigración abre a exposición Gallegos: de Galicia a Buenos Aires: 1860-1960

O conselleiro en funcións de Emigración, Aurelio Miras Portugal, estivo presente no acto de inauguración da mostra histórica da emigración galega “GALLEGOS: DE GALICIA A BUENOS AIRES: 1860-1960” profundas pegadas da colectividade galega na Arxentina e que se acolle ó programa de actividades previsto no marco dos Foros Bilaterais Arxentina- Galicia 2005 e que tratan de propiciar un lugar de encontro entre os países de destino dos emigrantes galegos con Galicia, facendo operativa dita cooperación.

O acto ianugural aconteceu no Museo Nacional da Emigración Galega –MEGA- de Buenos Aires, sito no Hotel de Inmigrantes, e contou coa presenza, ademais do máximo responsable da Emigración do goberno galego en funcións, Miras Portugal; do presidente da Federación de Sociedades Galegas, Francisco Lores; e do director do Museo da Inmigración, Jorge Ochoa.

Esta inciativa, na que traballa desde hai varios meses o titular da Federación de Asociacións Gallegas da República Arxentina, Francisco Lores, ten por obxecto primordial mostrar as profundas pegadas da colectividade galega na Arxentina a través de distintos obxectos que serven de testemuña coma cartas, fotografías, ferramentas, historias de vida, publicacións, prensa, instrumentos musicais e obras pictóricas.

A comisión directiva da Federación de Asociacións Gallegas na República Arxentina, na súa sesión do 25 de xullo de 2003, aprobou a creación do Museo Nacional da Emigración Galega –MEGA- a fin de protexer no futuro o patrimonio histórico desta institución. A iniciativa resultou aprobada en asemblea xeral extraordinaria celebrada en decembro dese mesmo ano.

A mostra conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, así coma da Axencia Española de Cooperación Internacional. Igualmente participou no proxecto a Secretaría de Cultura do Goberno da cidade autónoma de Buenos Aires, a Lexislatura porteña e o Senado Nacional.

O LEGADO DA EMIGRACIÓN GALEGA NA ARXENTINA

Ao longo da exposición percórrense 100 anos de historia dos galegos na Arxentina que son presentados en catro bloques cronolóxicos a través de múltiples soportes: paneis, fotos, documentos e obxectos aportados pola colectividade galega e diversas institucións.

O primeiro bloque abarca de 1860 a 1900 e está ilustrado con imaxes dos portos galegos de Vigo, A Coruña e Vilagarcía de Arousa- como lugares de partida- e do porto de Buenos Aires- punto de destino-. O período de 1900 a 1930 constitúe unha segunda etapa na que se retrata o fortalecemento do tecido societario galego no país austral. Os anos que transcorren entre 1930 e 1936, coincidindo coa segunda República Española, poñen fin á forte sangría da emigración, fenómeno do que queda constancia nos xornais da época.

O último bloque desta exposición abrangue de 1936 a 1960, tempos nos que comeza a atisbarse a grande actividade cultural e política dos galegos en Arxentina, coincidindo, por exemplo, coa creación do Instituto Arxentino da Cultura Galega e a publicación de diversas publicacións de marcado carácter galeguista.

O PROXECTO MEGA
O proxecto de crear un Museo da Inmigración recoñece como precursoras ás colectividades que, desde principios da década dos 70 e ata a actualidade, persistiron nesta iniciativa, impulsando ou acompañando as xestións que con esta fin se levaron a cabo desde a Dirección Nacional de Migracións, quen iniciou os estudios pertinentes para instalar o "Museo, Arquivo e Biblioteca da Inmigración" na edificación do Hotel de Inmigrantes.

O HOTEL DE INMIGRANTES

O emblemático edificio que alberga esta exposición conta coa condición de seren Monumento Histórico Nacional, desde 1990. Nos tempos da emigración masiva á República Arxentina a súa diáfana estructura acolleu a milleiros de recén chegados ó páis austral e os provía das necesidades básicas. Aínda hoxe en día conserva a distribución da que fora dotada na época cun comedor na planta baixa, xunto á cociña e outros servizos auxiliares. Nos pisos superiores atopábanse os dormitorios, catro por planta, e preparados para albergar por cada unha delas a dúascentas cincuenta persoas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia