Skip to main content

A Fundación Galicia Emigración asinou en Buenos Aires convenios en materia sociosanitaria con catro entidades galegas na Arxentina

Aurelio Miras Portugal, en calidade de presidente da Fundación Galicia Emigración rubricou catro convenios de colaboración con entidades galegas na Arxentina. A Asociación Centro Partido de Carballiño, o Centro Galego e Centro Galicia de Buenos Aires, o Fogar Galego para Anciáns- DOMSELLAR- recibiron axudas por cerca de 400.000 E.

Os acordos rubricados teñen coma finalidade a realización conxunta dun programa de asistencia social e sanitaria aos galegos residentes no área de influenza das mutuas e que se atopan nunha grave situación económica-social de carencia e necesidade, en especial ao colectivo de anciáns emigrantes nas respectivas localidades.

Así, os convenios asinados contemplan todo un conxunto de accións que por razóns de primeira necesidade sexan precisas levar a cabo, coma axudas para medicinas, manutención, económicas e médicas ou médicas domiciliarias.

No acto de rúbrica estiveron presentes o Presidente da Asociación Centro Partido de Carballiño, Arturo González Gil, o presidente do Centro Galego de Bos Aires, Rogelio Ucha Alonso, o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, Héctor Fernández , ademais do presidente do Fogar Galego para Anciáns Domselaar, Rafael Gil Malvido.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia