Skip to main content

A Xunta colabora co Centro de Supercomputación na implantación en Galicia do software libre

Así se establece nun convenio de colaboración, autorizado polo Consello da Xunta, que supón un paso máis cara á integración da comunidade galega na Sociedade da Información.

O software libre, programas informáticos gratuítos e de código aberto, non está sometido a licencias de fabricante e sobre el o usuario pode facer modificacións á súa vontade. Constitúe, xa que logo, unha peza clave para facilitar o acceso á Sociedade do Coñecemento en condicións de igualdade, reducir a fenda dixital e desenvolver a industria local.

Así, con cargo ao convenio, o CESGA levará a cabo diversas accións de observación, que comprenden a avaliación da situación actual en Galicia do software libre (tanto da oferta como da demanda técnica e formativa), o seguimento das últimas novidades nesta materia cara á súa aplicación, e a análise de políticas nacionais e internacionais relativas ao software libre, entre outras.

Ademais, o CESGA, baseándose nos resultados desta análise, fará propostas para que a Consellería de Innovación fixe as directrices de actuación dun plan de formación, que abarcará tanto os mozos (ciclo formativo para alumnos de secundaria e FP), como as pequenas e medianas empresas e a sociedade en xeral.

As iniciativas neste eido complétanse con accións de demostración e difusión, nas cales se inclúen a creación dun CD/DVD/web que conteña un sistema operativo completo de aplicacións de software, e o desenvolvemento de seminarios e páxinas web.

Sala de traballo

En canto á sala de traballo colaborativo con tecnoloxía Access-Grid, o CESGA ocuparase do deseño, instalación e configuración dos elementos necesarios para ela. O equipamento hardware e software será facilmente transportable, de xeito que a sala móbil poida prestar servizos Access-Grid en lugares que non dispoñen desta tecnoloxía, coma universidades, feiras tecnolóxicas ou pazos de congresos.

A tecnoloxía Access-Grid, que se considera un piar básico das salas de traballo colaborativo, contribúe a mellorar a produtividade dos investigadores a través do uso das tecnoloxías da información para obter mellores resultados dentro de grandes proxectos.

Esta infraestrutura permite a interacción entre os grupos de investigación ou grupos de traballo a distancia en tempo real, mediante un sistema de proxección multimedia de gran formato que permite a visualización de presentacións e videoconferencias simultaneamente en varias salas dispersas.

A Consellería de Innovación destinará á execución deste convenio 1.172.000 euros no período 2005-2007.


Eganet