Skip to main content

Medio Ambiente realizou máis de 7.000 préstamos de bicicletas nas campañas de Lugo, Viveiro, Monforte, Burela e Sarria

A Consellería de Medio Ambiente fixo un total de 7.064 préstamos de bicicletas no marco das campañas promovidas en Lugo, Viveiro, Monforte, Burela e Sarria para fomentar o uso das bicis como medio de transporte alternativo e máis ecolóxico. A iniciativa comezou o 27 de maio na cidade de Lugo baixo o nome Lugo Xira polo Medio Ambiente e trasladouse posteriormente aos outros centros urbanos.

Con esta novidosa iniciativa anímase á poboación a apostar pola sostibilidade nos xestos cotiáns da vida, como é o desprazamento pola cidade. As bicicletas ofrecen un sistema alternativo e non contaminante, polo que Medio Ambiente avoga por fomentar o seu uso, co que se contribúe a facer cidades máis sostibles.

BICIS POR CIDADES

A cidade de Lugo, na que a iniciativa funcionou do 27 de maio ao 26 de xuño, rexistrou o maior número de préstamos de bicicletas, un total de 4.798. En Burela contáronse 817 préstamos; en Sarria 647 préstamos; en Monforte 446 préstamos; e en Viveiro outros 356 préstamos. Nestas vilas o programa comezou o 9 de xuño e finalizouse o pasado día 30.

Cómpre salientar a boa acollida que esta campaña tivo entre a poboación, xa que moitas das persoas que utilizaron as bicicletas fixérono de xeito repetido durante varios días, mostra da facilidade para realizar as peticións e para desprazarse polas cidades. Ademais, producíronse casos curiosos, como nenos que se apuntaron ao programa para aprender a montar en bicicleta, familias enteiras que decidiron pasar un día pedaleando pola cidade e xente maior que pediu as bicicletas para facer algo de deporte e pasar o seu tempo de lecer, entre outros.

FACILIDADES NOS PRÉSTAMOS

A Consellería de Medio Ambiente puxo a disposición da poboación máis de 550 bicicletas nos distintos puntos de préstamo situados nas cidades participantes. As persoas interesadas só tiveron que apuntarse no programa en algúns destes puntos, onde cumprimentaron unha folla de inscrición cos seus datos persoais, co compromiso de devolución e co compromiso de comportamento responsable e cívico no uso da bici. O empréstito é totalmente gratuíto e válido para unha xornada completa.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia