Skip to main content

Belén Prado clausurou en Lugo o Obradoiro Centro de Artesanía e Deseño de Galicia

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en funcións, Belén Prado, clausurou o Obradoiro de Emprego Centro de Artesanía e Deseño de Galicia, que se desenvolveu durante este último ano no Fogar de Santa María da cidade de Lugo. O proxecto contou cunha subvención de 969.794,76 euros.

O Obradoiro Centro de Artesanía e Deseño de Galicia, que tivo unha duración de 12 meses, contou cun total de 58 alumnos, especializándose 30 deles en albanelería, 20 en fontanería e electricidade e 8 en oleiro e ceramista.

O obxectivo desta iniciativa, foi o acondicionamento das aulas de formación do centro de artesanía e deseño de Galicia localizadas no Fogar de Santa María, ademáis da construcción dunha fonte de cerámica e a limpeza e o encintado dos muros exteriores de lousa do Fogar.

Anteriormente, a Deputación provincial de Lugo, xa promovera 4 escolas obradoiro, subvencionadas pola Xunta de Galicia cun total de 3.879.641,64 euros.

Ademáis destes proxectos de formación e emprego, a Deputación tamén promoveu o funcionamento de tres unidades de promoción e desenvolvemento, unha das que actualmente está en funcionamento ata decembro de 2006. O importe total da subvención para estas UPD ascende a 1.464.880,83 euros.

POLÍTICAS DE EMPREGO

A Xunta ven apoiando o desenvolvemento de escolas obradoiro e obradoiros de emprego na provincia de Lugo dende 1998. Dende ese ano, concedéronselle á provincia 83 destes proxectos. Hai uns días, a consellería de Emprego aprobou outros 9 máis, dos que se beneficiarán 293 alumnos.

Este tipo de programas e as demáis iniciativas integradas nas políticas activas de emprego da Xunta de Galicia (as axudas ao emprego autónomo, o Programa Labora, o Programa de apoio as iniciativas de emprego de base tecnolóxica, etc.) presentan unha elevada inserción laboral e contribúen, de xeito significativo, a diminuír o desemprego. O caso dos obradoiros, en torno ao 70% dos alumnos que participan nestes programas atopa traballo en pouco tempo, a maioría deles nalgunha actividade relacionada coa que desenvolveu no obradoiro.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia