Skip to main content

Manuel Fraga louvou o labor de estudo e investigación dos profesores e bolseiros do Centro Ramón Piñeiro

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, gabou “o labor cotián de estudo e investigación” do grupo de profesores e bolseiros do Centro Ramón Piñeiro, no acto de presentación de catro novas publicacións do centro para a investigación en humanidades: Carolina Michaëlis e o Cancioneiro de Ajuda, hoje, Marco europeo común de referencia para as linguas, Airiños d´a miña terra e Eufonía.

Ao acto tamén acudiron o conselleiro de Educación, Celso Currás Fernández; o director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras; a directora xeral de Promoción Cultural, Mª Carmen García Campelo; o coordinador científico do centro, Manuel González González; as directoras dos proxectos Arquivo Galicia Medieval e ALTE (Asociación Examinadores de linguas en Europa), Mercedes Brea e Elvira Fidalgo, respectivamente; e Luís Alonso, secretario do Centro Ramón Piñeiro.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego destacou especialmente o labor dos responsables das publicacións recén presentadas e nomeadamente do coordinador científico de honra desta institución, Constantino García, que, segundo dixo, “guiou os primeiros pasos do centro e impulsou as súas primeiras iniciativas”.

HOMENAXE A MANUEL LUGRÍS FREIRE

Manuel Fraga quixo aproveitar a actualidade da designación de Manuel Lugrís Freire para ser homenaxeado no Día das Letras do vindeiro ano para reafirmarse no acerto da creación do Centro Ramón Piñeiro posto que, tal e como comentou, “ten sido o que fixo máis por recompilar, estudar e publicitar a obra literaria e xornalística deste coruñés que emigrou a Cuba e contribuíu á creación da Academia Galega”.

Neste contexto, o presidente da Xunta fixo un repaso polos estudos e edicións da obra narrativa e xornalística de Lugrís Freire que pertencen ao centro: a primeira recompilación da prosa narrativa do escritor; a edición facsimilar de A gaita gallega e outros facsimilares como Galicia Moderna, Eco de Galicia, La Tierra Gallega ou a recén presentada Airiños d´a miña terra, nos que colaborou o autor tanto en prosa coma en verso.

AS PUBLICACIÓNS

Airiños d'a miña terra (A Habana 1909) foi unha revista de orientación rexionalista que promoveu a atención cara a literatura galega e publicou, en lingua galega, poemas e narracións breves de interese. Non faltan nela as seccións e páxinas informativas (sobre Galicia e Cuba) e de lecer. Posúe un importante grupo de colaboradores (Labarta Pose, Añón, Lugrís Freire, a condesa Pardo Bazán) e numerosas ilustracións. É un singular documento sobre os inmigrantes galegos de Cuba que agora reprodúcese en edición facsimilar.

Carolina Michaëlis e o Cancioneiro de Ajuda, hoje é unha homenaxe ao labor realizado pola filóloga luso-alemá Carolina Michaëlis. O volume, coordinado pola profesora Mercedes Brea, recolle diversos estudos firmados por antigos bolseiros do Centro Ramón Piñeiro.

O marco europeo común de referencia para as linguas forma parte do proxecto xeral de política lingüística do Consello de Europa e ten como finalidade a unificación de directrices para o ensino e aprendizaxe (Dialang). Así mesmo, constitúe unha guía para o establecemento de niveis comúns de referencia, competencias de alumno, o proceso de ensino-aprendizaxe e a avaliación, etc. Esta obra outórgalle a Europa unha base común para o ensino de linguas dentro dun contexto político e educativo que tende a ser cada vez máis uniforme.

Eufonía foi unha revista anual de poesía galega que fundou en Bos Aires, en 1958, Alfonso Gayoso Frías, director tamén da publicación e que tivo só dous anos de vida. A atención dedicada a Galicia, o notable emprego da nosa lingua nos textos e o relevo dos seus colaboradores (Carballo Calero, Uxío Novoneyra, Manuel María, Xohana Torres, Bernardino Graña, etc) son trazos caracterizadores de Eufonía, presentada agora en edición facsimilar.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NO ACTO DE PRESENTACIÓN DE PUBLICACIÓNS DO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO PARA A INVESTIGACIÓN EN HUMANIDADES

- “Vexo hoxe cumprida e ben cumprida aquela ilusión [de que nacera e fora adiante o Centro Ramón Piñeiro] e a fecunda xeira que leva o centro dende hai xa algo máis dunha década, excedida con moito a centena de publicacións, constitúe o máis elocuente sinal da súa boa saúde e da eficacia do seu labor”.

- “As mostras do que digo están á vista nestas recentes publicacións ás que rematan de referirse os seus directores: os estudos reunidos no volume Carolina Michaëlis e o Cancioneiro de Ajuda, hoje, que representa unha máis que merecida homenaxe á filóloga luso-alemá; a urxente necesidade dos datos e ensinanzas do Marco europeo común de referencia para as linguas e a lembranza do noso ámbito da emigración, presente nas edicións facsimilares de Airiños d´a miña terra (homenaxe a Curros en Cuba) e Eufonía, onde resoa a lírica galega en Bos Aires”.

- “Quero felicitar aos responsables destas catro notables publicacións e a todos aqueles que traballaron nelas con tan meritorios resultados”.

- “Quero ter un recordo para Constantino García que guiou os primeiros pasos deste centro e impulsou as súas primeiras iniciativas, hoxe coordinador científico de honra desta institución. Pero neste capítulo de parabéns debe ocupar lugar de principio o grupo de profesores e bolseiros que levan adiante o labor cotián de estudo e investigación que logo reflicten as publicacións”.

- “Aproveito a actualidade da designación de don Manuel Lugrís Freire para ser homenaxeado no Día das Letras do vindeiro ano 2006 para reafirmarme no acerto da creación deste centro que ten sido, sen dúbida, o que fixo máis por recompilar, estudar e publicitar a obra literaria e xornalística deste coruñés de Sada que emigrou a Cuba e contribuíu á creación da Academia Galega, da que formou parte como un dos corenta académicos fundadores no ano 1905”.

- “En efecto, pertence ao Ramón Piñeiro a primeira recompilación da prosa narrativa do escritor [Manuel Lugrís Freire] e a edición facsimilar de A gaita gallega, publicación galega de Cuba integramente na nosa lingua, codirixida por Lugrís e Armada Teixeiro e con abondosos escritos do primeiro”.

- “Outros facsimilares do Centro como Galicia Moderna, Eco de Galicia, La Tierra Gallega, Tierra Gallega ou este Airiños d´a miña terra, que hoxe presentamos, contaron coas súas [de Manuel Lugrís Freire] colaboracións en prosa e verso”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia