Skip to main content

Asuntos Sociais financia con 12.000 euros un programa de atención aos enfermos oncolóxicos e ás súas familias

A Consellería de Asuntos Sociais achegará un total de 12.000 euros á Asociación Española contra o Cancro de Ourense para a realización dun programa de atención social aos enfermos afectados por esta doenza.

O programa ten como finalidade atender non só os aspectos puramente biolóxicos senón tamén aqueles aspectos psicolóxicos e sociais da persoa e da unidade de convivencia, co fin de ofrecerlles unha atención global e eficaz. Así mesmo, este programa axudará a paliar as necesidades sociais que aparecen no proceso da enfermidade.

O obxectivo do programa é informar e orientar tanto aos enfermos como as súas familias, prestaráselles axuda a domicilio a todos aqueles doentes que o necesiten. Os usuarios contarán cun servizo de axuda humana, é dicir, de voluntariado, ademáis de dispoñer dunha unidade de coidados paliativos. Ademáis, facilitaráselles a xestión de axudas económicas e materiais. Os doentes tamén disporán dun servizo de aloxamento.

Este colectivo de persoas poden atoparse con dificultades á hora de integrarse na sociedade, polo que o devandito convenio dispón dun programa de prevención e inserción social co fin de que os enfermos se sintan aceptados socialmente.

INCLUSIÓN SOCIAL

A Asociación Española contra o Cancro é unha institución benéfica, declarada de utilidade pública en 1970 que ten como un dos seus obxectivos estratéxicos a mellora da calidade de vida dos enfermos de cancro e as súas familias e paliar as necesidades sociais que aparecen no proceso da enfermidade. A Consellería de Asuntos Sociais ten por un dos seus obxectivos esenciais a realización e promoción de actividades e programas dirixidos a paliar as problemáticas de marxinación e exclusión social, coma as que afectan ao colectivo afectado por esta doenza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia