Skip to main content

Clausurado no Pazo de Mariñán o curso Incidencias das Novas Tecnoloxías na Xustiza

O vocal e portavoz do Consello Xeral do Poder Xudicial, Enrique López López, clausurou o IV curso da Escola de Verán do Poder Xudicial, adicado a analizar as incidencias das novas tecnoloxías no eido xudicial. No acto de clausura, gardouse un minuto de silencio en memoria das víctimas do atentado terrorista cometido onte en Londres.

A derradeira sesión do curso comezou ás 10:00 horas coa intervención do profesor de Sistemas e Tecnoloxías da Información no Instituto de Empresa, Enrique Dans, que fixo unha análise dos cambios que está sufrir a propiedade intelectual na nova economía. Enrique Dans realizou un percorrido polos grandes avances que ten sufrido o ámbito tecnolóxico nos derradeiros anos e a súa influencia en tódolos eidos da vida cotiá. En concreto, invitou ó medio cento de asistentes ó curso (xuíces e maxistrados) a elixir entre dúas opcións: a de adaptarse ás novas tecnoloxías, con todo o que elo implica, ou continuar alleos a este proceso que está a ter unha gran repercusión na vida xudicial.

Un dos aspectos da intervención de Enrique Dans que máis interese e controversia suscitou foi o da propiedade intelectual no campo da cultura. Así, o profesor tratou de demostrar que as novas posibilidades que ofrece Internet deberían facer mudar o concepto de dereitos de autor: a disponibilidade dos productos culturais (música, libros...) na rede fai que a “piratería” se estea a convertir no principal mercado á hora de consumir estes bens culturais. Enrique Dans sinalou que “no futuro, o papel da propiedade intelectual será o de asegurar que aqueles que utilicen as obras paguen o prezo axeitado por elas na rede, pero sin que se restrinxa ó acceso á cultura, nin o dos artistas nin o dos consumidores”. O ponente amosouse convencido de que o actual modelo de negocio que sustentan as editoriais e as compañías discográficas está obsoleto e deben adaptarse á nova realidade.

A derradeira sesión do curso estivo a cargo do Supervisor Europeo Adxunto de Protección de Datos, Joaquín Bayo, quen fixo un percorrido polas diferentes normativas que regulan a protección de datos na Unión Europea. Sinalou que a función das autoridades europeas en materia de protección de datos é a de “cooperar cos Estados membros”.

Como principios básicos que rexen a protección de datos automatizados referidos a aspectos persoais, Joaquín Bayo dixo que se trata de harmonizar o dereito á intimidade das persoas coa necesidade dos Estados de garantir a seguridade dos seus cidadáns. Neste sentido, o ponente apuntou a especial sensibilidade do Parlamento Europeo por protexer a intimidade dos habitantes da UE.


NOVO CURSO

Tras unha semana de descanso, a Escola de Verán do Poder Xudicial reanudarase o martes 19 de xullo cun curso adicado á “Circulación de capitais e blanqueo de cartos”. Este quinto curso, que se celebra con carácter extraordinario, pretende analizar dende a perspectiva administrativa e penal a problemática da circulación de capitais e o blanqueo de cartos, abordando ademáis o marco institucional da prevención, paraísos fiscais e criminalidade transaccional organizada.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia