Skip to main content

Medio Ambiente considera en situación de ameaza en Galicia máis de 400 especies de flora e fauna

A Consellería de Medio Ambiente somete a información pública e audiencia o Catálogo galego de especies ameazadas, segundo se publicou no Diario Oficial de Galicia do pasado día 1 de xullo. Trátase dun documento elaborado pola Administración autonómica, tendo en conta ademais as aportacións realizadas polos distintos colectivos implicados na protección e defensa da biodiversidade. As persoas interesadas agora en presentar alegacións poderán facelo ata o día 30 de xullo, tanto nas catro delegacións provinciais coma na propia sede da Consellería de Medio Ambiente en Santiago de Compostela (na Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade). O catálogo pode consultarse na páxina web da Consellería, na dirección www.xunta.es/conselle/cma.

O Catálogo de especies ameazadas recolle 404 especies de flora e fauna que requiren dunha protección específica. Deste total, 59 considéranse en perigo de extinción; 3 son sensibles á alteración do seu hábitat; 95 aparecen como vulnerables; e 247 recóllense como de interese especial. O documento configúrase como un instrumento dinámico e flexible, que poderá adaptarse en cada momento ao estado real das poboacións de cada especie ameazada.

CATEGORÍAS

Considéranse en perigo de extinción as especies de flora e fauna cuxa supervivencia é pouco probable se persisten os factores causantes da súa situación actual. Nesta categoría inclúense especies de flora como a herba de namorar, o lirio do monte ou o pampillo, e entre a fauna, destacan algunhas variedades do cabaliño do demo, o galápago europeo, o arao, a pita do monte ou o oso. Outras variedades do cabaliño do demo e a balea chepuda figuran como sensibles á alteración do hábitat, é dicir, cun hábitat característico particularmente ameazado, en grave recesión ou moi limitado.

As especies vulnerables son aquelas que corren perigo de pasar ás categorías anteriores nun futuro inmediato se non se corrixen os factores adversos. Nesta categoría inclúense o narciso, a herba de ouro, a ra patilonga, o corvo mariño, a aguia real, o morcego e o golfiño mular. E por último, considéranse de interese especial aqueloutras especies merecedoras de catalogación e cun grao de amaeaza pouco coñecido. Entre elas figuran algunhas variedades de sapo, de ra, de culebra e de lagarto, así como o azor, o corvo mariño, a cegoña branca, o bufo real, o golfiño, o gato bravo ou a lontra.

A inclusión dunha especie no Catálogo implica distintas prohibicións. Con carácter xeral, no caso de especies vexetais, prohíbese calquera actuación co propósito de destruilas, mutilalas ou arrancar exemplares, así como a recollida das súas sementes. Non se permitirá tampouco ningunha acción co propósito de darlle morte ás especies animais, nin tampouco capturalas, perseguilas ou molestalas intencionadamente. Tanto para a fauna como para a flora, prohíbese, así mesmo, a posesión, transporte, venda, exposición, importación ou exportación de exemplares vivos ou mortos, ademais do seu intercambio e oferta.

PLANS DE RECUPERACIÓN

Prevese que a catalogación, descatalogación ou cambio de categoría das especies no Catálogo poderán ser solicitadas tanto pola Xunta de Galicia, como polas universidades, centros de investigación e outras organizacións interesadas. A Administración protexerá todas as especies incluídas no Catálogo con medidas especialmente dirixidas a combater o tráfico ilegal, o espolio de niños, a persecución ou calquera outra acción que poida incrementar a súa situación de ameaza.

A catalogación dunha especie suporá a elaboración de plans de recuperación, reintroducción, protección do hábitat, conservación e manexo específicos para cada caso.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia