Skip to main content

Manuel Fraga destaca a magnífica traxectoria profesional e persoal de Jesús Souto Prieto, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, asistiu no concello de Boborás (Ourense) ao nomeamento como Fillo Predilecto desta localidade do actual Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Jesús Souto Prieto. Segundo o propio Manuel Fraga esta é “a mellor maneira de recoñecer a magnífica traxectoria profesional e persoal” de Jesús Souto Prieto, “home que me honra coa súa amizade”.

Manuel Fraga fixo un percorrido pola traxectoria vital e profesional do homenaxeado, gabando especialmente a súa tarefa como representante do Poder Xudicial en Galicia. O presidente da Xunta destacou tamén “a sabedoría e temperanza” coas que o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) exerce as súas responsabilidades e salientou a extensa carreira xudicial, de 33 anos, “de quen, por convicción e experiencia, dedicou á maxistratura a meirande parte da súa vida”.

O presidente da Xunta referiuse tamén á faceta e traxectoria académica do homenaxeado, que foi profesor en diversas Facultades de Dereito e centros asociados da UNED, nas que impartiu varias disciplinas de carácter xurídico.

O mandatario galego rematou a súa intervención cunha sincera noraboa para os familiares do novo Fillo Predilecto de Boborás e coa felicitación directa para o homenaxeado, o que, sinalou, “de seguro está vivindo no seu interior o indisoluble e maternal lazo con esta terra de Boborás que o viu nacer e que, podo dar fe, sempre leva no seu corazón”.

TRAXECTORIA

Jesús Souto Prieto naceu en Boborás, Ourense, no ano 1942 e iniciou a súa carreira fiscal e xudicial trinta anos despois, no 1972, tras licenciarse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Nos primeiros anos da súa traxectoria profesional traballou como xuíz en Bande, Corcubión, Berja (Almería) e Ponteareas. Como indicou o presidente da Xunta, serían Santander e Pontevedra, as cidades “que contaron con seu bo facer xudicial” no cargo de maxistrado de traballo.

Na década de 1990 comeza a exercer como maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza, da que se convirte en presidente no 1999. Este Tribunal Superior é o supremo órgano xurisdiccional da organización xudicial en Galicia.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NO NOMEAMENTO DE JESÚS SOUTO PRIETO, PRESIDENTE DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA, COMO FILLO PREDILECTO DO CONCELLO DE BOBORÁS

- “Dirixir unhas palabras de loanza a este ilustre veciño, e a partir de hoxe Fillo predilecto de Boborás, actual Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e home que me honra coa súa amizade”

- “Os diferentes actos conmemortivos de hoxe son, sen dúbida, a mellor maneira de recoñecer a súa magnífica traxectoria profesional e persoal”.

- “Jesús Souto Prieto naceu neste fermoso concello de Boborás, concretamente en Albarellos, nos inicios do ano 1942”.

- “Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, ingresando na carreira fiscal, na que se atopa excedente, e na carreira xudicial, no ano 1972”.

- “Desde 1979, xa como maxistrado de traballo, foron Santander e Pontevedra, as cidades que contaron co seu bo facer xudicial”.

- “A partires de 1990 exerceu como maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza, e, xa como Presidente do mesmo, desde 1999, ven de cumprir 33 anos na carreira xudicial”.

- “Jesús Souto é, polo tanto, a persoa que encarna a representación do Poder Xudicial en Galicia e exerce esa alta responsabilidade coa sabedoría e a temperanza de quen, por convicción e experiencia, dedicou á maxistratura a meirande parte da súa vida”.

- “É de salientar a súa faceta académica, xa que logo traballou como profesor de diversas disciplinas xurídicas en distintos centros asociados da UNED, así como nas Facultades de Dereito de Santander e A Coruña”.

- “Quero felicitar ao propio Jesús Souto que, con este acto, de seguro está vivindo no seu interior o indisoluble e maternal lazo con esta terra de Boborás que o viu nacer e que, podo dar fe, sempre leva no seu corazón”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia