Skip to main content

o Bus Itinerante Ambiental achégase ao municipio de Mondoñedo

O autobús itinerante ambiental que promove a Consellería de Medio Ambiente achegarase ao municipio de Mondoñedo, onde os cidadáns poderán acceder a información ambiental de relevancia mediante as novas tecnoloxías. Esta iniciativa, que comezou no ano 2001, consiste nun autobús acondicionado como aula virtual na que os visitantes teñen a oportunidade de participar en actividades relacionadas co medio natural.

Este bus ambiental que percorrerá Galicia ata comezos do mes de setembro achegarase a un total de 46 concellos. Na visita de mañá ao concello de Mondoñedo estará situado na Praza do Concello. O horario de apertura ao público será das 11:00 ás 14:00 horas pola mañá e das 16:00 ás 19:00 horas pola tarde.

A andadura do autobús itinerante comezou o pasado 1 de xullo no municipio de Santiago e achegouse logo ata Ordes, Arzúa, Melide e Betanzos e As Pontes. Logo do seu paso por Mondoñedo está previsto que o bus visite Sarria o 12 de xullo, Monforte o día 13 e Quiroga o 14. Posteriormente, o vehículo continuará co seu percorrido por toda a xeografía galega.

MATERIAL INTERACTIVO

O bus conta con dez ordenadores nos que os usuarios se poden introducir no mundo virtual da natureza e vivir así unha experiencia de achegamento ao mundo natural a través das novas tecnoloxías. O obxectivo deste programa é crear entre a sociedade galega unha cultura ambiental e acadar unha maior concienciación en canto á necesidade de respectar o medio natural, conservalo e melloralo.

Todas as persoas que se acheguen ata esta aula da natureza terán acceso a diverso material divulgativo e educativo sobre medio natural en diversos formatos. Así, poderán atopar información en tempo real sobre as prediccións meteorolóxicas ou a incidencia dos raios ultravioletas nas distintas zonas da xeografía galega. Datos sobre o lixo e a súa reciclaxe, educación ambiental e vial e alimentación son outros temas que se abordan neste autobús. Os máis pequenos disporán dun CD interactivo e de diversos xogos de ordenador sobre o contorno natural.

BALANCE 2004

No pasado ano, o autobús itinerante ambiental recibiu a visita de 9.617 persoas, das que un total de 7.123 eran rapaces e rapazas e 2.494 eran persoas maiores. A iniciativa de educación ambiental achegouse no verán de 2004 a 43 concellos de toda Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia