Skip to main content

Máis de 5.000 persoas visitaron na Catedral de Ourense a Exposición Eucarística Camiño de Paz

Aos dez días da súa inauguración, a mostra Camiño de Paz. Mane Nobiscum Domine ten rexistrada unha afluencia de máis de cinco mil visitantes, cunha media superior ás cincocentas persoas diarias. Ourense é a cidade galega que acolle, para toda España, a gran exposición do Ano Eucarístico Mundial. O proxecto está organizado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, impulsado polo bispo de Ourense, Luís Quinteiro Fiúza, e conta ademais coa colaboración do Cabido Catedralicio.

As máis de duascentas pezas que integran a montaxe expositiva foron vistas xa por moitos ourensáns pero tamén por boa parte dos turistas que se achegaron nestes últimos días á cidade das Burgas. Segundo David Penín, guía da mostra, foron moitos os coruñeses e vigueses que se achegaron expresamente a Ourense para visitar Camiño de Paz tras recibir información da mesma a través dos medios de comunicación.

En opinión de David Penín, será a partir do 15 de xullo cando a “afluencia sexa masiva debido ó incremento do número de turistas na cidade procedentes doutras zonas de España e do norte de Portugal”. Tamén comentou o guía que a acollida da mostra entre os ourensáns está a ser moi satisfactoria. “Gran parte das exposicións que se organizan lévanse ás cidades costeiras de Galicia ou a Santiago, á xente sorpréndelle poder gozar en Ourense desta exposición”, dixo.

A maior parte do público que visitou a mostra estes días preferiu facelo por conta propia, malia que se dispón de servizo de visitas guiadas. Penín advertiu que “hai moita xente que prefire ver a exposición pola súa conta porque pensa que os guías tardarán moito en amosala pero isto non é certo, os guías adaptamos o discurso ó tempo do que dispoña o visitante”. Segundo o guía, a media de tempo en que se pode ver a mostra oscila entre os 30 minutos e unha hora.

AS PEZAS MÁIS VISTAS

Entre as pezas que espertan maior interese entre os visitantes está o Cristo Románico de Vilanova dos Infantes, o Misal Auriense ou o sagrario de Quintela Leirado, considerada como unha das pezas máis sobranceiras dos retablos barrocos eucarísticos da diocese auriense.

Tamén son moitos os visitantes que se interesan pola cruz procesional máis importante de Galicia, unha peza espectacular da Escola de Valladolid. A ourivería en xeral e os grandes tapices son, así mesmo, algunhas das pezas nas que máis se deteñen as olladas. A mostra Camiño de Paz permanecerá aberta ata o inicio do mes de novembro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia