Skip to main content

O programa de Xuventude Agora Moto está os días 11 e 12 de xullo en Pontevedra

O programa de Xuventude “Agora Moto” está o luns e martes en Pontevedra. Desenvolverase en quendas de mañá e tarde no campus da Xunqueira (Facultade de Fisioterapia). Poderán asistir un total de 90 mozos e mozas de 16 anos. A duración dos cursos é de medio día, con 30 participantes por sesión.

“Agora Moto” é un proxecto de achegamento ao ciclomotor que consiste na realización de actividades de formación en educación vial que permitan á mocidade acadar as habilidades básicas para iniciarse na conducción de vehículos de dúas rodas.

O curso consta de dúas partes. Na teórica explícase como é unha motocicleta, os seus elementos e as primeiras nocións sobre conducción, así como a indumentaria axeitada e as actitudes que eviten os riscos. Na práctica realízase unha toma de contacto co ciclomotor sobre unha pista e os primeiros exercicios de control, sempre en recintos pechados e controlados por monitores de educación vial. Os participantes estarán protexidos con casco integral e protectores de cóbados e xeonllos.

Os interesados poden obter máis información nos servizos e delegacións da Consellería de Familia onde tamén poderán facer a inscrición, de xeito gratuíto ou a través da páxina web www.rix.org. A adxudicación de prazas será por orde de chegada das solicitudes ata esgotarse as prazas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia