Skip to main content

López Veiga inaugurou o Seminario Internacional sobre Dano Ambiental

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, presentou no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) o Seminario Internacional sobre Dano Medioambiental cunha
conferencia de apertura sobre a valoración dos danos e a reclamación de indemnizacións no caso do Prestige.

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Cetmar organizaron este encontro en colaboración co Centre de Documentación, de Recherche et d’experimentations sur les pollutions accidentelles des eaux (Cedre) e mediante a axuda financieira da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.

O responsable do departamento autonómico explicou as medidas de emerxencia postas en marcha pola Xunta de Galicia tra-lo accidente do Prestige. Deste xeito, López Veiga informou sobre o Plan Xeral para a Prevención de Accidentes Marítimos de Galicia. Este programa engloba unha serie de ferramentas, procesos e informes destinados á protección dos
recursos das costas galegas ante a contaminación accidental provocada polo tráfico marítimo e as actividades humanas.

O conselleiro profundizou acerca do Estudo de Identificación e Análise das Zonas aptas para o Refuxio de Buques no caso de Emerxencia por Accidentes no Mar e sobre o Estudo de viabilidade de remolque de buques no caso de emerxencia na costa de Galicia. Por outra banda, López Veiga detallou os parámetros do Plan de Continxencia das Rías Galegas, entre
outras iniciativas.

O responsable de Pesca asinou un convenio co Intecmar e co Cedre

Posteriormente, o conselleiro de Pesca asinou un convenio de colaboración co Intecmar e o Cedre para o desenvolvemento conxunto de actividades contra a contaminación accidental por hidrocarburos no medio mariño.
A xornada inaugural foi moderada polo director do Intecmar, Juan Maneiro Cadillo. Nos actos matutinos tamén participaron o director do Cedre, Michel Girin; o responsable do International Tanker Owners Pollution Federation Limited (ITOPF), Tosh Moller; e o representante da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Thommas de Lannoy.
O seminario, que se desenvolverá ata o mércores, contará coa
participación de expertos en institucións internacionais especializadas na loita contra a contaminación tales coma Cedre, Itopf, Sintef e a UNEP.
Asemade, os delegados de tódolos estados costeiros membros da Unión Europea, técnicos da Consellería de Pesca e representantes de centros autonómicos e estatais acudirán ós actos para debatir diferentes aspectos relacionados coa valoración, a motorización e a restauración do dano ecolóxico producido polos hidrocarburos.
As mesas redondas e as comunicacións orais presentarán protocolos, metodoloxías e criterios para o establecemento da sensibilidade ambiental e para a valoración e compensación dos percances ecolóxicos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia