Skip to main content

Xustiza destina máis de 180.000 euros ao financiamento da asistencia xurídica gratuita

A Conselllería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará 180.303 € a financialos servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados, nos que se presta asesoramento aos demandantes de asistencia xurídica gratuíta, segundo se recolle no convenio de colaboración que asinaron o conselleiro Xesús Palmou e o presidente do Consello da Avogacía Galega. José A. López Graña.

Esta partida estará destinada a sufragalos gastos derivados da prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta e a quenda de oficio nos sete colexios de avogados da nosa Comunidade Autónoma. A distribución desta subvención entre os mesmos realizarase de acordo cos criterios obxectivos adoptados por acordo unánime no seo do Consello da Avogacía Galega.

O pagamento destes servizos librarase unha vez realizada a actividade, e mediante a correpondente certificación de gastos que deberá ser expedida polos secretarios dos diversos colexios, e co visto e prace dos respectivo decanos.

Con esta contribución ao funcionamento dos servizos de orientación xurídica, a Consellería garante o acceso á Xustiza daqueles cidadáns que doutro xeito poderían ver diminuídos os seus dereitos por motivos económicos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia