Skip to main content

Manuel Fraga lembra que a promoción do sector da pedra galego é un obxectivo prioritario para a Xunta

“Estamos ante a consolidación de dúas empresas dun sector de carácter estratéxico para a economía galega e ben arraigado nas actividades industriais da nosa Comunidade. E, como tal, o seu desenvolvemento e promoción constitúe un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia”. Son palabras de Manuel Fraga no Barco de Valdeorras, na inauguración das novas instalacións de Roferlo S.L e Dismaval S.L, empresas que traballan a lousa.

Manuel Fraga salientou cómo a “perseveranza” empresarial a favor de estratexias innovadoras e doutras que contribúan a mellorar a produtividade permite “afrontar a batalla da competitividade con garantías”, e “defender o posto” que o sector se gañou “merecidamente” no comercio internacional. De feito, lembrou que o 75% da lousa española que se exporta ao exterior procede de Galicia, primeira Comunidade en produción e exportación de lousa.

IMPORTANTE FONTE DE RIQUEZA

Manuel Fraga asegurou que a industria galega do sector está nunha permanente evolución cara a integración total do traballo, desde a extracción ata a colocación, pasando pola elaboración e a comercialización. Fraga quixo sinalar o “forte desenvolvemento económico, tecnolóxico e social” que leva consigo esta actividade, que “supón unha importante fonte de riqueza”, e quixo tamén destacar o papel do capital humano e a súa formación, un “elemento primordial”.

A este respecto lembrou a creación do Centro Tecnolóxico da Lousa -por parte da Consellería de Innovación, Industria e Comercio- e da Escola de Colocadores da Lousa, “nacida coa vontade de profesionalizar este oficio”, velando pola súa “competencia e calidade”.

DÚAS EXPERIENCIAS EMPRESARIAIS CONSOLIDADAS

Manuel Fraga referiuse ao traballo desenvolvido por Roferlo S.L. -empresa especializada na construción de cubertas- nos seus case corenta anos de existencia, presentándoa como “exemplo claro de cómo afrontar os novos retos do mercado, apostando pola diversificación da oferta”.

No caso de Dismaval S.L. -empresa centrada fundamentalmente na distribución- Fraga falou dela como “claro exemplo das potencialidades da actividade de colocación da lousa”. En definitiva, dúas experiencias empresariais “consolidadas que avalan o enorme potencial” do sector da lousa, indicou.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE ROFERLO S.L. E DISMAVAL S.L.

- “Estamos ante a consolidación de dúas empresas dun sector de carácter estratéxico para a economía galega e ben arraigado nas actividades industriais da nosa Comunidade. E, como tal, o seu desenvolvemento e promoción constitúe un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia”.

- “A perseveranza empresarial a prol de estratexias innovadoras e de fórmulas que contribúan a aumentar a súa produtividade está permitindo afrontar a batalla da competitividade con garantías, e defender o posto que este sector se gañou merecidamente no comercio internacional”.

- “Galicia é a primeira Comunidade española en produción e exportación de lousa. De feito, o 75% da lousa española vendida no exterior leva a insignia galega, que se achega aos mercados máis esixentes no que atinxe a calidade, como son Francia, Alemaña ou Reino Unido”.

- “Esta actividade leva consigo un forte desenvolvemento económico, tecnolóxico e social, por canto contribúe á creación dun forte tecido industrial ao seu redor, á creación de emprego e a estar ao día das innovacións tecnolóxicas. En definitiva, supón unha importante fonte de riqueza, para a consecución da cal o capital humano e a súa preparación constitúen, sen dúbida, un elemento primordial”.

- “Como apoio ao sector, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio creou e dotou o Centro Tecnolóxico da Lousa, un edificio que alberga tamén a Escola de Colocadores da Lousa, nacida coa vontade de profesionalizar este oficio. Trátase de velar pola súa competencia e calidade, formando colocadores profesionais e futuros xefes de equipos de colocación”.

- “Con case 40 anos de existencia, Roferlo S.L. [empresa especializada na construción de cubertas] é un exemplo claro de cómo afrontar os novos retos do mercado, apostando pola diversificación da oferta cara a conxugación de materiais”.

- “Dismaval S.L. é tamén outro claro exemplo das potencialidades da actividade da colocación da lousa. Centrada fundamentalmente na distribución, ofrece ademais ao profesional da arquitectura e enxeñería o soporte técnico necesario para resolver cubertas singulares”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia