Skip to main content

Manuel Fraga salienta que o novo Centro Comarcal converterase nunha destacada referencia para dar a coñecer Valdeorras

O presidente da Xunta, Manuel Fraga inaugurou o centro comarcal de Valdeorras. O novo edificio dará resposta as necesidades dos veciños e contribuirá ao progreso dos diferentes concellos que engloba a comarca. Do mesmo xeito, servirá de apoio para as pequenas e medianas empresas que desenvolven a súa actividade na mencionada comarca ourensá.

O novo edificio atópase preto do núcleo urbano do Barco de Valdeorras e tamén prestará servizo aos os concellos de Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rubiá, A Rúa e A Veiga.

O terreo sobre o que se asenta o novo centro comarcal foi cedido polo concello do Barco de Valdeorras. A construción do equipamento contou cun investimento total de 1.300.000 euros. A obra, promovida pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, dará cabida as asociacións veciñais, e utilizarase como exhibidor dos productos locais, entre outras posibilidades. Ó mesmo tempo, nas salas do edificio daráselle cabida a diferentes actividades artísticas e culturais promovidas na localidade.

Luís Pérez de Juan Romero foi o arquiteto encargado de levar a obra cara adiante. Decantouse por dividir o centro comarcal en varios espazos que acollerán múltiples exposicións permanentes e temporais, unha sala de usos múltiples, un centro de novas tecnoloxías e un punto de información e atención ao visitante.

Manuel Fraga agradeceu o esforzo a todos aqueles que contribuíron na construcción do edificio, e resaltou a especial participación dos alcaldes dos concellos da Comarca que se implicaron de cheo no proxecto da Fundación Comarcal.

PROGRAMA:

A inauguración do centro comarcal de Valdeorras reuniu no mencionado concello ourensá a diferentes alcaldes da Comarca.

O mandatario galego expuxo no seu discurso as características do novo centro así como as numerosas vantaxes que suporá para a poboación da zona a construción do edificio. “Este novo Centro Comarcal converterase no gran escaparate desta comarca e da súa xente, dará resposta ás necesidades dos veciños e contribuirá ao progreso dos concellos desta comarca”, afirmou o presidente da Xunta.

Manuel Fraga lembrou no seu discurso que a inauguración deste novo centro comarcal se enmarca no Plan de Desenvolvemento Comarcal posto en marcha en 1991. O fin último deste proxecto consiste en potenciar os recursos da Comunidade Autónoma, resaltando os aspectos máis competitivos de Galicia. Na busca deste obxetivo, iniciouse a construción dunha rede de Centros Comarcais que pretenden potenciar os diferentes recursos existentes en cada zona.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO CENTRO COMARCAL DE VALDEORRAS

EXTRACTO:

- “Para potenciar os recursos da nosa Comunidade, a Xunta de Galicia puxo en marcha en 1991 o Plan de Desenvolvemento Comarcal. Foi unha experiencia daquela pioneira en Europa, e con ela pretendeuse favorecer os eidos máis competitivos de Galicia, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento dos concellos”.

- “O Centro Comarcal e Valdeorras (...) reafirma e materializa a identidade comarcal. A súa finalidade é promover os recursos comarcais e servir de apoio para as pequenas e medianas empresas”.

- “O novo Centro Comarcal de Valdeorras, engloba aos concellos de Vilamartín de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rubiá, A Veiga e este de O Barco de Valdeorras, onde se localiza a edificación”.

- “Este centro comarcal está promovido pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento rural, mentres que o edificio (...) e os terreos nos que se empraza foron cedidos polo Concello do Barco de Valdeorras”.

- “ O orzamento dedicado a esta obra foi de preto de 950.000 euros e o do seu equipamento de 350.000, polo que a inversión total se achega a 1.300.000 euros”.

- “O arquitecto encargado das obras neste amplo edificio foi Luís Pérez de Juan Romero, que sitou neste centro comarcal distintos espazos, entre os que se atopa unha sala de exposicións permanentes e outra de exposicións temporais, unha sala de usos múltiples, un centro de novas tecnoloxías e un punto de información e atención ao visitante”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia