Skip to main content

Celso Currás fai entrega das certificacións de calidade a varios centros educativos galegos

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, fixo entrega da certificación de calidade UNE-EN ISO 9001:2000 a diversos centros educativos galegos, así como á propia Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e aos centros de Formación e Recursos de Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo e Ourense.

No acto tamén participou o director da delegación en Galicia da Asociación Española de Normalización y Certificación (Aenor), Martín Pita López. Aenor é a entidade que outorga as UNE-EN ISO tras un rigoroso e estrito proceso.

Dáse a circunstancia de que coa entrega deste documentos acreditativos, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en acadar a devandita certificación de calidade para centros educativos públicos de Infantil e Primaria, en concreto o CEIP “Doctor Fleming”, de Vigo, e o Centro Rural Agrupado “Nosa Sra. De Faro”, de Ponteceso (A Coruña).

Polo tanto, as certificacións, acadadas recentemente, significan que o sistema educativo galego é pioneiro en España en avanzar cara á certificación de máxima calidade en determinados niveis educativos.

Outro dos centros que acreditaron a súa calidade foi o IES “Perdouro”, radicado en Burela. É preciso sinalar que se prevé que este municipio lucense sexa o primeiro de España no que o alumnado poida facer todo o seu itinerario formativo desde Educación Infantil ata a súa inserción laboral ou acceso á universidade en centros públicos certificados en calidade, cando, nos próximos meses, obteña a certificación de AENOR o CEIP “Virxe do Carme”, que se atopa no proceso correspondente.

DIRECCION XERAL DE FP

Así mesmo, tamén a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación decidiu a implantación do modelo de xestión de calidade, consciente das vantaxes que reporta á mellora do funcionamento dos centros educativos deste sistema.

Tras acadar tamén a certificación de calidade hai uns días, convértese na segunda unidade administrativa de educación non universitaria en toda España que obtén a ISO, despois de que o conseguira a Viceconsejería de Formación Profesional do País Vasco.

Ademais, tamén conseguiron a certificación os Centros de Formación e Recursos (CFR) do profesorado de A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela que se unen ao CFR de Lugo, ata agora o primeiro e único centro deste tipo certificado en Europa, co que Galicia contará en breve con toda a súa estrutura de formación do profesorado certificada.

PRESTIXIO E VALOR SOCIAL

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera estas certificacións un logro máis do programa Rede Galega de Centros para a Calidade que se vén desenvolvendo desde o curso 2000/01 en Galicia.

O obxectivo prioritario desta iniciativa é o de mellorar a calidade da prestación do servizo educativo a través da mellora continua na xestión dos procesos que desenvolven os centros, implantando dinámicas e instrumentos de mellora continua que axuden a reforzar o prestixio e valoración social dos centros.

DECENAS DE CENTROS

Este programa xa empezou a recoller os seus primeiros froitos no ano 2002 coa certificación do IES “Coroso” de Ribeira, e curso a curso fóronse unindo máis centros ata os 65 que na actualidade seguen o plan formativo establecido para a Rede Galega de Centros para a Calidade.

Este Rede inclúe asesoramento, formación e titorización por parte da Consellería de Educación. Na actualidade a diversidade de centros que integran a rede é moi ampla: centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Conservatorios de Música ou Escolas Oficiais de Idiomas.

Todos os centros certificados xunto con outros que tamén están desenvolvendo plans e mellora, optaron ao Premio ás Actuacións de Calidade na Educación 2004/05, convocado pola Consellería de Educación coa intención de incentivar e galardoar aos centros educativos que día a día se esforzan por mellorar a calidade do servizo que prestan á sociedade adecuándose ás novas demandas sociais.

PREMIOS ÁS ACTUACIÓNS DE CALIDADE

Ademais durante o acto o titular de Educación, Celso Currás, fixo entrega dos Premios ás Actuacións de Calidade na Educación 2004/05, que se dividen en dúas modalidades. Na primeira, os Premios á Calidade na Educación, se outorga a aqueles centros educativos que xa contan coa certificación ISO 9001:2000 que presenten unha memoria sobre os resultados das súas experiencias. Dotados con 6.000 euros e unha acreditación este ano resultaron gañadores os centros:

1. IES PERDOURO BURELA
2. CRA NOSA Sª DO FARO PONTECESO
3. CFR LUGO LUGO
4. IES MARÍA SARMIENTO VIVEIRO
5. IES FRANCISCO DAVIÑA REY MONFORTE
6. IES COROSO RIBEIRA

E a segunda categoría son os Premios ás Accións de Mellora. Nesta modalidade resultaron gañadores oito centros educativos. Os premios que recibiron polos resultados acadados polo plan anual ou práctica de mellorar levada a cabo durante o curso 2004/05 foron unha acreditación e un premio en metálico de 3.000 euros.

1. CEIP DR. FLEMING VIGO
2. IES RICARDO CARBALLO CALERO FERROL
3. IES AS TELLEIRAS NARÓN
4. CPI DE ATIOS VALDOVIÑO
5. CEIP DE LOURIDO POIO
6. IES CELANOVA CELANOVA
7. CEIP A FRAGA AS PONTES
8. IES AFONSO X O SABIO CAMBRE

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia