Skip to main content

Manuel Fraga salienta que a utilización do aceite de oliva supuxo o éxito da industria conserveira galega

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, inaugurou, en San Cibrao das Viñas (Ourense), as novas instalacións da empresa Aceites Abril. A entidade conta cunha longa traxectoria de máis de cincuenta anos dedicados ao envasado e comercialización deste produto alimentario. No decurso do acto, o titular do Goberno galego referiuse ao uso do aceite como unha das claves do éxito da industria conserveira galega.

O mandatario galego resaltou no seu discurso os numerosos beneficios que o aceite de oliva aporta para a saúde. “De todos é sabido que o aceite é unha fonte de saúde, base fundamental da dieta mediterránea”, destacou Manuel Fraga ao tempo subliñou as propiedades deste produto para o aparato dixestivo e o sistema circulatorio.

Durante a súa intervención, o mandatario galego recalou na importancia que ten o cultivo da árbore da oliva no Estado español, “aportando o cinco por cento ao valor da Producción Final Agraria”.

INDUSTRIA CONSERVEIRA

Se ben na Comunidade galega non existe unha tradición do cultivo da oliva, a utilización do aceite ten unha importancia especial na industria conserveira galega. A xuízo de Manuel Fraga, o uso deste produto converteuse “nunha das claves do éxito” desta actividade empresarial, ao introducir o aceite “no seu proceso de fabricación” e incrementar así “a súa calidade e os seus valores culinarios”. Deste xeito, o emprego do aceite en “conservas estendeuse a diversos froitos do mar e das terras galegas, como son o peixe, os crustáceos, os moluscos ou as hortalizas”, asegurou Manuel Fraga.

Coñecedora deste feito, a Xunta de Galicia, co fin de mellorar os produtos da terra, concede importantes axudas ás empresas dedicadas a esta actividade. Aceites Abril foi unha das entidades beneficiadas polas axudas habilitadas pola Xunta. Á empresa alimentaria concedéuselle axudas de preto de 850.000 euros por parte da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Aceites Abril conta na actualidade cunhas vendas de arredor de 20 millóns de euros anuais e envasa 20 millóns de litros de aceite ao ano, cifras que pretenden aumentar nos próximos anos axudados polas instalacións hoxe inauguradas.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DAS NOVAS INSTALACIÓNS DA EMPRESA ACEITES ABRIL

- “Aceites Abril comezou a súa actividade fai máis de cincuenta anos, un período no que elaborou un característico aceite (...) e continúa coa actividade de envasado e comercialización deste produto alimentario”.

- “A Xunta de Galicia, consciente da relevancia de dotar de máxima calidade aos nosos produtos alimentario, concedeu importantes axudas para fomentar a utilización do aceite de oliva na fabricación de conservas”.

- “Aceites Abril soubo adaptarse ao mercado e conseguiu aumentar as súas instalacións, ao tempo que incrementaba o seu volume de negocio, cunhas vendas de arredor de 20 millóns de euros anuais e o envase de 20 millóns de litros de aceite ao ano, unha cantidade que pretenden incrementar ata os 30 millóns de litros nos próximos anos”.

- “(...) salientar que o seu esforzo e dedicación foi unha das causas fundamentais para que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, atendera a petición de apoio e se lle concedesen achegas por un importe de preto de 850.000 euros”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia