Skip to main content

Educación refírmase no seu programa de grauidade de libros de texto pola súa idoneidade

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria reafirmouse no seu programa de gratuidade de libros de texto mediante o procedemento de empréstito, por consideralo idóneo para as características do sistema educativo.

En resposta ás críticas da Asociación Galega de Editores, o departamento que dirixe Celso Currás Fernández quere lembrar que o sistema escollido para a gratuidade dos libros de texto foi froito de rigorosos estudos previos, sempre en busca da mellor opción para a comunidade educativa de Galicia.

Todos os sistemas candidatos pódense refundir en dúas opcións: programa de subvencións para a adquisición, que consiste en administrar axudas en función da renda familiar e o programa de gratuidade total, que foi o elixido pola consellería.

Así mesmo, dentro da opción da gratuidade total plantexábanse dúas modalidades: a de empréstito e a que popularmente se veu chamar “cheque-libro”, consistente en outorgar ós pais un “vale” polo importe total dos libros. Neste sentido, alcanzar a gratuidade total para tódolos cursos polo sistema de empréstito supoñía un custo do 50% respecto do que equivalería ir implantando un programa de “cheque-libro”.

A opción do empréstito conleva, polo tanto, un importante aforro económico para a Administración, cuxa misión, entre outras, é velar pola axeitada distribución dos fondos públicos. Ademais, este procedemento tamén está implantado noutros países europeos e outras comunidades autónomas españolas, sendo o sistema con maior seguimento na actualidade no contexto dos países desenvolvidos.

Se a estes parámetros se lle engade o feito de que o sistema de empréstito levaba engadido o feito de inculcar nos alumnos os devanditos valores positivos de coidado do ben colectivo e de solidariedade, esta opción converteuse, decididamente, na mellor.

Polo tanto, decidiuse que a modalidade de empréstito é a máis doada para por en práctica o compromiso da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de abordar un proceso que camiñe cara á gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio para o alumnado escolarizado nos centros sostidos con fondos públicos.

O programa de gratuidade iniciouse coa publicación da Orde do 6 de xuño de 2003, pola que se convocaba o programa para o curso escolar, de xeito experimental, destinado ao alumnado de 6º curso de educación primaria. Un ano despois, por Orde do 8 de xuño de 2004 (DOG do 10) ampliábase o programa para o alumnado de 2º de ESO.

A valoración da implantación do programa nestes dous primeiros anos é moi positiva, acadándose os seguintes resultados:

Participación dos centros
Ano curso Nº Centros acollidos % Nº centros non acollidos %
2003 6º EP 821 97,5 21 2,5
2004 2º ESO 499 99,6 2 0,4


Participación do alumnado
Ano curso Nº alumnos acollidos % Nº alumnos non acollidos %
2003 6º EP 23.093 96,8 753 3,2
2004 2º ESO 24.083 85,3 3.534 14,7


COMISIÓN DE SEGUIMENTO

Tras a publicación da orde do ano 2003 constituíuse unha comisión de seguimento integrada por: editores, distribuidores, libreiros, autores, directores de centros públicos e privados concertados, asociacións de pais de alumnos e representante das patronais dos centros concertados.

Ademais, para o vindeiro curso escolar 2005/06 decidiuse a extensión da gratuidade en dous novos cursos, 3º e 4º de Educación Primaria, ademais da reposición dos exemplares necesarios en 6º de Primaria e 2º da ESO. Polo tanto, o próximo curso serán uns 80.000 os alumnos beneficiarios da gratuidade dos seus libros de texto.

MEDIDAS COMPENSATORIAS

Como compensación aos sectores que se poidan ver prexudicados por esta medida a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por vez primeira, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares correspondente ao curso 2005/06.

Deste xeito, todos os colexios e institutos de Galicia que o desexen e cumpran os requisitos recollidos na orde de convocatoria, poderán solicitar axudas económicas para esta finalidade que contarán cun mínimo de 5.000 euros, se ben esta contía poderá aumentar segundo as necesidades. Os contidos da devandita orde están publicados no Diario Oficial de Galicia do pasado día 29 de marzo.

Así, enténdese a biblioteca escolar coma un recurso estratéxico para a innovación pedagóxica que axuda a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros. É unha oportunidade para que o profesorado e o alumnado empreguen múltiples recursos que permitan unha progresiva autonomía na aprendizaxe.

Agárdase unha importante participación de centros educativos neste plan de mellora, que se convoca este ano por primeira vez pero que terá unha continuidade con periodicidade anual. As axudas recaerán sobre os mellores proxectos de reorganización das bibliotecas, actualización dos fondos documentais e realización de actividades en materia de promoción da lectura e a aprendizaxe, facendo da biblioteca un foco de dinamización cultural para toda a comunidade escolar.

Así mesmo, o profesorado responsable das bibliotecas escolares seleccionadas recibirá formación específica e facilitarase a formación para o profesorado integrante dos equipos de biblioteca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia