Skip to main content

Publicadas no DOG as zonas de especial risco de incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o 19 de xullo de 2005 a orde -provomovida pola Consellería de Medio Ambiente- pola que se declaran 579 parroquias galegas como Zonas de Especial Risco de Incendios (ZER). Trátase dunha nova figura creada no Decreto 21/2005 de prevención de lumes e regulamento de aproveitamentos forestais, que ten como obxectivo potenciar medidas especiais de protección nas áreas con incendios máis frecuentes ou de especial virulencia.

Estas parroquias representan o 17% do total do territorio galego, concentrando entre o 42 e o 47% dos lumes rexistrados nos meses de maior risco (verán e período febreiro-abril). Das 579 parroquias declaradas, 116 sitúanse na provincia de Coruña, 42 en Lugo, 263 en Ourense e 158 en Pontevedra.

MEDIDAS ESPECIAIS

Nas Zonas de Especial Risco de Incendios prohíbese a utilización do lume para eliminar restos de aproveitamentos forestais en calquera época do ano, agás xustificación técnica da inexistencia doutras alternativas. Nestas áreas tamén se poderán declarar perímetros de preferente ordenación para o pastoreo, para que esta actividade se desenvolva unicamente no interior de cercados. Prevese ademais a posibilidade de establecer axudas públicas para a elaboración de plans de aproveitamento gandeiro.

Outra medida específica para estas zonas é o requerimento de Medio Ambiente para a realización de competicións de vehículos a motor. Os traballos preventivos axeitados nestas parroquias recolleranse nos plans de defensa. Inclúense neste eido as actuacións que deben realizar os propietarios dos montes e os responsables das vías de comunicación e de calquera instalación situada no contorno. No caso de gasolineiras, industrias pirotécnicas ou almacéns de materiais inflamables, os seus propietarios deberán manter limpa a vexetación nun perímetro de 50 metros.

As parroquias galegas que se declaran como Zonas de Especial Risco de Incendios Forestais poden consultarse na orde do Diario Oficial de Galicia (DOG) de 19 de xullo de 2005.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia