Skip to main content

A Xunta regula o rexistro administrativo dos centros especiais de emprego

O Diario Oficial de Galicia recolle o decreto que regula a autorización e inscrición dos centros especiais de emprego nun rexistro administrativo especial, adscrito á consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

A posta en funcionamento destes centros e o seu recoñecemento requerirá autorización administrativa e inscrición no correspondente rexistro, que será outorgada pola dirección xeral de Relacións Laborais. Os centros poderán ser creados por administracións públicas ou persoas físicas e xurídicas. Para ser considerados como tales, o seu cadro de persoal deberá estar constituído nun 70 por cento por traballadores con discapacidade. A súa estructura e organización axustarase á das empresas ordinarias, sen prexuízo da súa función social.

Os centros especiais de emprego son aqueles que realizan un traballo productivo ao tempo que favorecen a inserción laboral de persoas con discapacidade. A este efecto, consideraranse discapacitadas as persoas cunha minusvalía igual ou superior ao 33 por cento.

CENTROS SEN ÁNIMO DE LUCRO

O decreto establece que serán recoñecidos como centros de emprego sen ánimo de lucro aqueles dos que sexan titulares cooperativas sen ánimo de lucro; asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que expresen non seus estatutos a irrepartibilidade do seu patrimonio salvo a entidades do mesmo carácter; e sociedades de responsabilidade limitada nas que a maioría do capital sexa propiedade dalgunha das entidades sinaladas nos primeiros dous supostos ou ben doutra entidade pública.

Ademais, os titulares destes centros deben ter como obxectivo a integración laboral de persoas con discapacidade nos centros especiais. Os posibles beneficios derivados da explotación da actividade deben reinvestirse na súa totalidade no propio centro especial de emprego ou noutros similares.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia