Skip to main content

Manuel Fraga fai un chamamento a tódolos axentes sociais para combater as situacións de exclusión

O presidente da Xunta, Manuel Fraga inaugurou en Vigo o centro de Proxecto Home, dirixido especialmente aos drogodependentes con patoloxía dúal e deterioro cognitivo severo. “É un centro pioneiro na nosa Comunidade Autónoma, que pretende garantir aos usuarios a mellora da súa situación persoal e contribuír a normalizar a súa vida”, afirmou o mandatario galego.

Ao acto tamén asistirón o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez; a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado Sanjurjo; o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Ameijeiras; a alcaldesa de Vigo, Corina Porro e o presidente da Diputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

A Xunta de Galicia investiu neste proxecto un total de 270.000 euros dirixidos ao acondicionamento do centro. Neste edificio desenvolverase o programa Acougo que terá como fin último a reinserción e rehabilitación dos toxicómanos “favorecendo a súa inclusión social e a incorporación ao mercado de traballo”, sinalou Manuel Fraga. O centro dispón de 80 prazas, 25 delas para residentes e o resto de carácter ambulatorio.

O Goberno galego desenvolveu nos últimos anos unha importante rede pública para a mellora dos servizos sociais. Entre as accións que se levaron a cabo destacan pola súa trascendencia o I Plan Galego de Inclusión Social, a ampliación da acción protectora da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), o Plan concertado de prestacións básicas de servizos sociais e o Plan de acción de persoas maiores e persoas con discapacidade.

Manuel Fraga subliñou que a reinserción e rehabilitación dos toxicómanos é labor tanto dos propios implicados, como das institucións e da Comunidade “asumindo as súas respectivas responsabilidades nun compromiso conxunto”.

O presidente da Xunta rematou o seu discurso agradecendo a labor realizada por entidades de iniciativa social, como a Fundación Monte do Gozo, Proxecto-Home Galicia, “que constitúe un referente no traballo a favor das perosas máis desfavorecidas”.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO CENTRO DE PROXECTO HOME PARA TOXICÓMANOS CON PATOLOXÍA DÚAL

- “É para min unha satisfacción poder estar hoxe aquí na inauguración deste centro de atención integrada para persoas drogodependentes, un centro pioneiro na nosa Comunidade Autónoma, que pretende garantir aos usuarios a mellora da súa situación persoal e contribuír a normalizar a súa vida”.

- “(...) A Xunta de Galicia aportou un total de 270.000 euros, para as obras de acondicionamento deste edificio, onde se desenvolverá o programa Acougo de rehabilitación e reinserción psicosocial para toxicómanos con patoloxía dual e deterioro cognitivo severo”.

- “O traballo a favor deste colectivo, favorecendo a súa inclusión social e a incorporación ao mercado de traballo representa unha prioridade para a Administración autonómica”.

- “O Goberno galego realizou nos últimos anos un importante esforzo para ampliar e mellorar a rede pública de servizos sociais. (...) Refírome ao I Plan Galego de Inclusión Social, á ampliación da acción protectora da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), ao Plan concertado de prestacións básicas de servizos sociais; e ao Plan de acción de persoas maiores e persoas con discapacidade”.

- “Dende o Goberno galego colaboramos tamén con entidades e organizacións sen ánimo de lucro, na implantación dun sistema de protección social que, mediante a creación de novos recursos e o impulso e mellora de servizos existentes, permite atender as necesidades de todos os cidadáns, fundamentalmente dos máis vulnerables”.

- “A inclusión social debe ser un proxecto persoal e colectivo, no que os implicados, os profesionais, as institucións e a Comunidade deben participar, asumindo as súas responsabiliades nun compromiso conxunto”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia