Skip to main content

Manuel Fraga sinala a necesidade de traballar para conseguir unha política sanitaria con equidade no acceso aos servizos e unha atención personalizada e humanizada

O presidente da Xunta de Galicia inaugurou en Nigrán (Pontevedra) o novo Centro de Saúde A Xunqueira-Valmiñor. Este Centro contará a partir de agora con case 3.000 metros cadrados que mellorarán de forma notable as “condicións do lugar de traballo e atención”. A ampliación deste Centro de Saúde, segundo expresou Manuel Fraga, “corrobora o compromiso que o noso Goberno adquiriu cos cidadáns: prestar unha atención sanitaria que responda satisfactoriamente ás súas necesidades” para procurar a mellora da “súa saúde e calidade de vida”.

Desta forma, o titular do Goberno galego asegurou que desde a Xunta se traballa para conseguir unha política sanitaria que oriente “a promoción da equidade no acceso aos servizos, a atención personalizada e humanizada, e a participación social”. Ademais, cualificou como “peza fundamental” á atención primaria de saúde, xa que supón “a porta de entrada ao sistema sanitario”.

O xefe do Executivo galego recalcou as vantaxes que leva consigo o remate desta obra para os 35.000 habitantes da poboación e do seu contorno, posto que haberá “un incremento das consultas e salas de urxencias”, ademais da posta en marcha “dos novos servizos de radioloxía e rehabilitación”. Tamén destacou a figura dos profesionais que traballan neles, posto que son “o motor que da vida aos centros, o mellor activo con que estes contan” e desexou que desde o novo edificio “se logre un exercicio profesional eficaz”.

No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez e o alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez.

NOVAS PRESTACIÓNS

O investimento global para acometer as importantes obras de reforma e ampliación do Centro de Saúde A Xunqueira-Valmiñor de Nigrán ascendeu a máis de 3.150.000 euros. A obra, que foi realizada pola empresa construtora adxudicataria Arias Hermanos seguindo o proxecto de Álvaro Fernández Carballada, ampliou o espazo dispoñible no Centro de Saúde case ata os 2.950 metros cadrados.

Coa ampliación tamén se dotou ao edificio de novas unidades de apoio coas que poderá contar a comarca (Baiona, Nigrán e Gondomar), como o servizo de Radioloxía e o de Fisioterapia ou a mellora do servizo de Urxencias. Asemade, estes cambios foron acompañados dun reforzo no persoal, coa incorporación de profesionais para os novos servizos e o incremento dos recursos humanos para a atención noutras áreas.

Entre as incorporacións e melloras introducidas atópanse tres consultas máis de médico xeral, dous consultas máis de enfermería, unha consulta máis de pediatría, unha nova consulta de enfermería pediátrica, un servicio máis de consulta polivalente, unha nova aula de formación, un novo dormitorio e unha nova sala de estar no PAC (Punto de Atención Continuada) ou un novo médico para o centro de saúde, ademais dos novos postos nos servizos de Radioloxía e Fisioterapia.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE A XUNQUEIRA-VALMIÑOR

-Este centro corrobora “o compromiso que o noso goberno adquiriu cos cidadáns: prestar unha atención sanitaria que responda satisfactoriamente ás súas necesidades, co obxectivo final de mellorar a súa saúde e calidade de vida”.

-“Traballamos para elaborar unha política sanitaria que oriente as súas accións, a promoción da equidade no acceso aos servizos, a atención personalizada e humanizada, e a participación social”.

-“A ampliación e a mellora deste Centro é un paso máis para facer isto posible”.

-“A atención primaria de saúde é a principal porta de entrada ao sistema sanitario, e unha peza fundamental para garantir a continuidade dos coidados de saúde”.

-Sentímonos “orgullosos da ampliación realizada neste Centro de Saúde Valmiñor, por canto vai facilitar unha mellor atención aos habitantes desta poboación e seu contorno, ao redor de 35.000 persoas”.

-“Suporá un incremento do número das consultas e salas de urxencia, e fai posible a oferta aos usuarios dos novos servizos de radioloxía e rehabilitación”.

-Trátase dunha “obra, na que se investiron máis de tres millóns de euros, os profesionais e usuarios disporán de un espazo de case 3.000 metros cadrados, que mellora notablemente ás condicións do lugar de traballo e atención”.

-“Os profesionais son o motor que da vida aos centros, o mellor activo con que estes contan”.

-“Gustaríame transmitirlle o meu sincero recoñecemento, e o de todo o Goberno, polo seu traballo, e o mellor ánimo para que, desde este edificio, se logre un exercicio profesional eficaz”.

FICHA TÉCNICA

-Remate e inauguración da ampliación do Centro de Saúde A Xunqueira-Valmiñor en Nigrán (Pontevedra).

-Investimento:
3.150.000€ de presuposto total:
-proxecto: 75.000€
-obra: 2.575.000€
-equipamento: 500.000€
-Estructura:
-2948,62 m²
-3 consultas máis de médico xeral (8 en total)
-2 consultas máis de enfermería (5 en total)
-1 consulta máis de pediatría (2 en total)
-1 consulta máis de enfermería pediátrica (2 en total)
-1 servicio novo de toma de mostras (1 en total)
-1 servicio máis de consulta polivalente (2 en total)
-1 nova aula de formación (1 en total)
-1 novo despacho de xefe de servicio (1 en total)
-1 novo despacho de coordinador enfermería (1 en total)
-1 novo servicio de psiquiatra (1 en total)
-Ampliación do PAC (Punto de Atención Continuada):
-1 consulta máis de enfermería (2 en total)
-2 novas consultas polivalentes (2 en total)
-1 nova sala de estar (1 en total)
-1 novo dormitorio (3 en total)
-1 consulta máis de rehabilitador (1 en total).
-Novos servicios de radioloxía e rehabilitación
-Ademais, segue a ofrecer servicios como o de farmacia, consulta matrona ou biblioteca, entre outros.
-Recursos Humanos:
-1 novo médico para o centro de saúde (6 en total)
-1 novo técnico especialista en radioloxía para este servicio (1 en total)
-1 novo fisioterapeuta para o novo servicio de rehabilitación (1 en total)
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia