Skip to main content

A Consellería de Asuntos Sociais achegará 175.000 euros á CEG para realizar 36 cursos de autoemprego

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais colaborará coa Confederación de Empresarios de Galicia para a realización de 36 cursos sobre autoemprego denominados “Como crear unha empresa”. O departamento autonómico investirá nesta iniciativa 175.000 euros, segundo se recolle nun convenio asinado entre a responsable en funcións da consellería, Belén Prado e o presidente da CEG, Antonio Fontenla.

Os cursos irán dirixidos a estudantes universitarios, estudantes de formación profesional, técnicos de emprego, persoas que queiran poñer en práctica unha idea empresarial e emprendedores que teñan previsto iniciar a súa actividade empresarial. Cada curso terá unha duración de 26 horas, terá unha participación mínima de 15 alumnos e desenvolveranse no ámbito das catro provincias da Comunidade Autónoma entre os meses de xullo e novembro de 2005.

Poderán matricularse un total de 540 alumnos nos 36 cursos ofertados. Repartidos por provincias serán un total de 10 para A Coruña, 8 para Lugo, Ourense contará con 8 e Pontevedra con 10. Os participantes neste proxecto tratarán temas como os aspectos laborais, fiscais, comerciais e financeiros, formas xurídicas e trámites de constitución, ademais de realizar un suposto de creación dunha empresa.

FOMENTO DO AUTOEMPREGO

O obxectivo básico destas accións formativas é o fomento do autoemprego como medida de inserción laboral, facilitándolles aos emprendedores os coñecementos necesarios para a posta en marcha das súas iniciativas empresariais.

O financiamento dos 36 cursos “Como crear unha empresa” forma parte das medidas adoptadas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no marco das súas políticas de promoción de emprego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia