Skip to main content

Emprego financia un curso de especialización e un mestrado en xestión e dirección de cooperativas e Pemes agroalimentarias

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais financiará con 46.500 euros un programa de formación de posgrao en materia de xestión e dirección de cooperativas e pemes agroalimentarias, que se desenvolverá no campus de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago, durante o curso 2005-2006. O programa inclúe un Curso de Especialización e un Mestrado sobre esta materia.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Asuntos Sociais, considera oportuno participar na realización deste curso tendo en conta as características da economía galega, na que o sector primario xoga un peso específico relevante, ademais da especialización formativa do campus de Lugo, cunha tradición en titulacións do eido agroalimentario, tales como as enxeñerías agrícolas e agrónomas e de montes ou veterinaria, entre outras.

MÓDULOS E DURACIÓN

A Universidade de Santiago de Compostela, ademais de comprometerse a achegar unha memoria descritiva do contido e das accións realizadas no marco do curso, desenvolverá un contorno virtual pechado para a formación a distancia dos alumnos do curso no que se incorporen todos os contidos telemáticos impartidos presencialmente. Ademais, creará un espazo virtual aberto, orientado á autoformación en materia de xestión e dirección comercial de cooperativas e pemes agroalimentarias, con especial dedicación ao ámbito cooperativo.

O Mestrado, de 710 horas de duración, incluirá os seguintes módulos formativos: economía sectorial; xestión de pemes e cooperativas: aspectos prácticos; contabilidade; dirección financeira; dirección empresarial; recursos humanos; xestión internacional; investigación comercial; dirección comercial; xestión ambiental; e seguridade alimentaria; ademais de charlas de empresarios e visitas a empresas. O curso rematará coa elaboración dun proxecto de fin de curso.

O Curso de Especialización, de 300 horas, presentará un programa similar ao do Mestrado, pero con contidos máis reducidos, acordes coa súa menor duración.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia