Skip to main content

Sanidade e a Universidade de Santiago asinan o convenio para a creación do Aulario de Clínicas do Campus de Ciencias da Saúde

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez e o rector da Universidade de Santiago, Senén Barro, asinaron un convenio de colaboración para a creación do Aulario de Clínicas do Campus de Ciencias da Saúde, para a súa utilización conxunta pola Universidade compostelana e polo Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Esta colaboración entre os organismos ten por fin dar resposta coordinada ás necesidades docentes e investigadoras de ambas institucións, así como incrementar o aproveitamento dos recursos estruturais e tecnolóxicos. Para a execución do Aulario a Consellería de Sanidade investirá 4 millóns de euros. Nestes momentos, o proxecto está xa en proceso de elaboración, polo que se prevé que as obras se poidan licitar antes de que finalice o ano.

A través deste acordo de colaboración engádese unha maior operatividade ás actividades docentes impartidas polos profesores universitarios con praza asistencial vinculada, así como aos alumnos de disciplinas de Ciencias da Saúde desta Universidade. Ademais, dótase ao Hospital Clínico Universitario dun Salón de Actos destinado á realización de eventos científicos e formativos organizados polo Complexo Hospitalario da capital de Galicia. Por último, increméntase o espazo dedicado a actividades de apoio á formación de ambas institucións.

Este Aulario situarase no espazo de reserva existente na parcela na que se construíu o Hospital Clínico, autorizándose á Universidade para construílo e participar na súa xestión.

PLAN FUNCIONAL

Para a execución dos obxectivos contemplados neste convenio de colaboración desenvolverase un Plan Funcional que será aportado pola Universidade de Santiago e contará coa conformidade do C.H. Universitario de Santiago. O Plan establecerá os recursos necesarios para executar o proxecto, o funcionamento e organización das actividades, o equipamento necesario, as relacións entre as institucións para a súa adecuada coordinación, así como as comunicacións e os accesos ás actividades realizadas no edificio. Este Plan funcional partirá dunhas necesidades básicas de espazos entre as que se contempla un salón de actos cunha capacidade aproximada de ao redor de 300 persoas, 6 aulas de 120 postos cada unha, 4 aulas de 60 postos, unha área de lectura e estudo, unha área de taquillas, vestiarios e aseos e, por último, áreas de apoio á actividade, como a correspondente aos servizos administrativos.

MARCO DE COOPERACIÓN

Recordar, por último, que a Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago estableceron, por medio dun convenio asinado o pasado 30 de maio, un marco de referencia para a cooperación entre ámbolos dous departamentos no desenvolvemento do Campus de Ciencias da Saúde, de xeito coordinado coas necesidades do C.H. Universitario de Santiago. Mediante esa sinatura estableceuse a colaboración entre asistencia sanitaria e docencia, coordinando as accións necesarias para o axeitado desenvolvemento deste Campus de Ciencias da Saúde.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)