Skip to main content

Medio Ambiente promove a integración ambiental de ocos producidos por antigas actividades

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe recolle o Decreto sobre xestión e integración ambiental de ocos ocasionados por antigas actividades con excedentes de terras e rocas procedentes de grandes obras. Con esta iniciativa a Consellería de Medio Ambiente crea unha regulación específica para a integración paisaxística dos espazos baleiros no seu contorno natural mediante a reposición con terras e rocas e evitando así que estes materiais rematen noutros espazos, co conseguinte impacto ambiental.

O decreto establece que os desmontes de terras e rocas que igualen ou superen os 2.000 metros cúbicos e que se produzan na execución de proxectos de infraestruturas deberán depositarse nos ocos de antigas obras e explotacións, procedendo así á integración ambiental de ditos espazos. Con esta actuación poderase favorecer a xestión das escombreiras de obra; protexer o solo e as augas; reducir o impacto visual e ambiental que provocan os ocos e os depósitos sobrantes de terra; regularizar o depósito de excedentes de terra e rocas de infraestruturas de toda Galicia; e recuperar os espazos degradados, tendo en conta os usos do solo e a planificación urbanística do mesmo.

INVENTARIO DE OCOS

Segundo se establece no documento elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, o primeiro paso será a creación dun inventario de ocos estáticos destinados a ser reenchidos cos desmontes de terras procedentes de grandes obras. Cada oco deberá dispoñer dunha memoria coas características principais, como a titularidade do terreo, a situación xeográfica, as dimensións, a morfoloxía e as características ambientais, entre outros.

Pola súa banda, as persoas físicas ou xurídicas que, pola realización dunha infraestrutura, xeren uns sobrantes totais de desmontes que igualen ou superen os 2.000 metros cúbicos de volume deben comunicalo á Dirección Xeral competente. A notificación incluirá datos xerais sobre os desterres, como a súa situación, o tipo de material e a obra da que procede. Logo de estudar a documentación a Administración autonómica informará sobre o espazo máis axeitado para ser reenchido do total de espazos recollidos no inventario.
Consellería de Medio Ambiente de la Xunta de Galicia