Skip to main content

Federación Ecoloxista Galega, O Valedor do Pobo recomenda á Consellería de Medio Ambiente que cumpra a normativa sobre os órganos de participación social

Santiago, 3 de agosto de 2005). O Valedor do Pobo fixo unha recomendación á Consellería de Medio Ambiente instándoa a que "se dea estrito cumprimento da normativa relativa ás convocatorias periódicas de todos os órganos administrativos a través dos que se produce a participación social na xestión dos asuntos públicos en materia de medio ambiente". A recomendación produciuse após unha nova queixa da Federación Ecoloxista Galega (FEG) pola inactividade da Xunta de Goberno de Augas de Galicia. Este órgano de participación social non se reúne desde o 12 de novembro de 2002.



A Xunta de Goberno de Augas de Galicia, o organismo autónomo dependente da Consellería de Medio Ambiente que xestiona as bacías fluviais de Galiza-Costa (as situadas integramente en territorio galego) é o único instrumento existente para a participación social na política autonómica de augas. Durante a etapa de Xosé Manuel Barreiro como conselleiro de medio ambiente non foi convocada nin unha soa reunión deste órgano consultivo.



As organizacións de defensa ambiental, que teñen un representante na Xunta de Goberno, desexan recibir información e participar no proceso de adaptación da obsoleta planificación hidrolóxica das concas de Galiza-Costa á Directiva Marco da Auga.



O Valedor do Pobo considerou que os feitos denunciados son especialmente negativos, pois a FEG xa presentou anteriormente outra queixa polo mesmo motivo. Alén diso, o Valedor do Pobo "coñeceu outras queixas relativas á ausencia de convocatoria doutros órganos de participación social incardinados na Consellería de Medio Ambiente, como o Consello Galego de Medio Ambiente ou o Observatorio Galego de Educación Ambiental. Ámbolos dous expedientes se remataron con recomendacións dirixidas ao Conselleiro de Medio Ambiente".



A FEG e varias das asociacións que a forman (ADEGA, ADENCO, APDR, Oureol) están entre as promotoras da iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos, que será debatida nesta lexislatura polo Parlamento. Un dos seus artigos obriga a "garantir a participación efectiva da cidadanía tanto nos procesos de elaboración dos planos hidrolóxicos como nos procesos de autorización de cada infraestrutura, plano, programa ou proxecto".
Federación Ecoloxista Galega