Skip to main content

O presidente da Xunta asinou o decreto polo que se establece a estrutura orgánica da nova Xunta

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asinou o decreto polo que se establece a estrutura orgánica da nova Xunta de Galicia e tamén outro decreto ao abeiro do cal se nomean os titulares dos departamentos do Goberno autonómico. Estes dous decretos entrarán en vigor unha vez sexan publicados no Diario Oficial de Galicia.

Así, segundo consta no decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o novo Goberno autonómico estará conformado por unha vicepresidencia e doce consellerías.

DEPARTAMENTOS

Os novos departamentos da Xunta de Galicia serán a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar; a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Consellería de Economía e Facenda; a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes; a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; a Consellería de Innovación e Industria; a Consellería do Medio Rural; a Consellería de Cultura e Deporte; a Consellería de Sanidade; a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos; a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; a Consellería de Traballo; e a Consellería de Vivenda e Solo.

Tal e como se reflicte no decreto, asinado polo titular do Executivo galego, o Consello da Xunta adoptará as medidas necesarias para adecuar a estrutura orgánica dos distintos organismos dentro dunha política de racionalización e redución do gasto público. Paralelamente, específicase que a Consellería de Economía e Facenda realizará as modificacións e habilitacións orzamentarias precisas para o cumprimento do previsto no decreto, sen que en ningún caso poidan originar incremento de gasto.

RESPONSABLES

Ademais do anterior decreto, Emilio Pérez Touriño asinou outro decreto polo que se nomean os titulares dos departamentos da nova Xunta de Galicia. Nun artigo único disponse que Anxo Manuel Quintana González ocupe o cargo de vicepresidente da Igualdade e do Benestar; a carteira de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza recae en José Luís Méndez Romeo; o novo conselleiro de Economía e Facenda será José Ramón Fernández Antonio; María José Caride Estévez vai ocupar a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes; a titular de Educación e Ordenación Universitaria será Laura Elena Sánchez Piñón; Fernando Xavier Blanco Álvarez ocupará a carteira de Innovación e Industria; mentres que Alfredo Suárez Canal será o responsable de Medio Rural. Ademais, Ánxela Bugallo Rodríguez será titular de Cultura e Deporte; a carteira de Sanidade será ocupada por María José Rubio Vilar; mentres que María del Carmen Gallego Calvar será a responsable de Pesca e Asuntos Marítimos; Manuel Vázquez Fernández ocupará a carteira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible; Ricardo Jacinto Varela Sánchez ocupará a Consellería de Traballo de Traballo e María Teresa Táboas Veleiro será a responsable de Vivenda e Solo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia