Skip to main content

O presidente da Xunta acordaba abrir o diálogo cos sindicatos e empresarios para poñer en marcha un pacto polo emprego

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quere situar o emprego como un dos eixes de actuación principal do novo Executivo autonómico. Por iso decidiu manter a súa primeira xuntanza como titular do Goberno galego cos secretarios xerais dos sindicatos UGT, CIG e CC.OO., José Antonio Gómez, Suso Seixo e Xan María Castro, respectivamente, e co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla.

Durante ambos os dous encontros, que tiveron lugar en San Caetano, o titular da Xunta e os representantes sociais e económicos acordaron iniciar as reunións de traballo no vindeiro mes de setembro co fin de acadar dous obxectivos fundamentais: establecer un marco de diálogo, con canles de participación estables entre o Goberno e os axentes sociais e económicos; e lograr acordos para establecer un pacto polo emprego que afronte a precariedade laboral e mellore a calidade do emprego. Así mesmo, nestes econtros tamén se abordarán outros asuntos prioritarios para o Executivo galego en materia de formación, promoción do emprego, saúde laboral e prevención de riscos no traballo.

VALORACIÓN POSITIVA

Tanto os representantes sindicais como o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia amosáronse satisfeitos pola celeridade coa que o presidente da Xunta se reuniu con eles, xa que consideran que demostra que o emprego vai ser unha liña de actuación prioritaria do Goberno galego nesta lexislatura. Tanto os secretarios xerais dos sindicatos como o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia cualificaron o encontro de positivo e amosáronse confiados en establecer unha canle de diálogo fructífera entre o Executivo e os representantes sociais e económicos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia