Skip to main content

O conselleiro de Traballo Ricardo Varela comprométese cos traballadores de Unicén a estudar todas as posibles solucións que lle poidan dar viabilidade á empresa

Durante a xuntanza, o titular de Traballo comprometeuse a “explorar todas as posibles solucións” que poidan dar viabilidade a esta empresa emprazada na comarca de Ferrrol, e que poidan garantir o mantemento da súa actividade.

Ricardo Varela dixo que a situación actual de Unicén é “grave”, xa que a empresa ten presentado un expediente de quebra. Non obstante, o titular de Traballo comprometeuse cos membros do comité de empresa a estudar todas as posibles solucións que, na súa opinión, pasan primeiramente por falar cos propios accionistas da empresa que teñen presentado a quebra para ver “se é posible retomar esa situación”.

Ricardo Varela non descartou tampouco que a marca Unicén, que considera “unha marca acreditada, competitiva e que se atopa distribuída en moitas partes de España e en moitas partes do exterior” poida ser “apetecible” para o mercado téxtil galego.

O responsable de emprego da Xunta asegurou que traballará “sen descanso” para buscar unha solución e para garantir o mantemento da actividade en Unicén. “En calquera caso –salientou Ricardo Varela- trataremos de garantir que o dano aos traballadores sexa o menor posible, dentro da grave situación na que, lamentablemente, se atopa a empresa”.

CELERIDADE

Pola súa banda, os membros do comité de empresa de Unicén agradecéronlle ao titular de Traballo que os teña recibido, salientando a celeridade coa que atendeu a súa petición de reunión. Así mesmo, manifestaron a súa satisfacción porque Ricardo Varela teña asumido o compromiso de analizar e estudar a situación da empresa co fin de evitar o peche de actividade. Durante a xuntanza, tamén se adquiriu o compromiso de seguir mantendo reunións entre o departamento de Emprego da Xunta e o comité de empresa de Unicén.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia