Skip to main content

Carmen Adán sinalou que o salario da liberdade para as mulleres maltratadas, forma parte dun paquete de medidas máis amplo

A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán, asegurou que as axudas de seiscentos euros mensuais para as mulleres maltratadas, forman parte dun paquete de medidas máis amplo, que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar Social, quere poñer en marcha de xeito urxente e inmediato para loitar contra a violencia de xénero.

Este paquete de medidas inclúe, ademais desta paga mensual, axudas para o acceso á vivenda, ó emprego e á formación para as mulleres víctimas de malos tratos.

Segundo Carme Adán, hai que artellar medidas que faciliten o acceso a vivendas de aluguer a estas mulleres, que queren empezar de novo, tras estar vivindo, de xeito transitorio, en casas de acollida ou de familiares.


Segundo as declaracións realizadas por Carme Adán á Radio Galega, os malos tratos son un “problema complexo” por iso ademais de facilitar apoio psicolóxico e acceso a medios xurídicos de balde, é preciso facilitar a independencia económica das mulleres.


Este paquete de axudas, dixo, complementa ás que se recollen na normativa da Lei de Violencia de Xénero, aprobada no Congreso e suporá unha maior coordinación entre ambas administracións en temas que afectan ás ordes de protección ou ós convenios de teleasistencia.


Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia