Skip to main content

A Xunta de Galicia manifesta a súa preocupación pola falla de acordo entre os accionistas de Unicén para configurar unha maioría de dirección

A Consellería de Traballo, en nome da Xunta de Galicia, manifesta a súa profunda preocupación en relación coa actual situación da firma téxtil Unicén, con especial sensibilidade en relación ós traballadores e traballadoras desta empresa.


Dende diversas Consellerías véñense mantendo reunións e xestións, que terán continuidade, para tentar atopar unha saída á crise na que se atopa a empresa ferrolá nas mellores condicións posibles.

Co obxectivo de que o proxecto teña continuidade e poida recibir os apoios públicos dos que dispón a Administración, é fundamental que se dean unha serie de condicións técnicas previas: por unha banda a existencia dun interlocutor empresarial con capacidade xurídica (maioría) e económica, e por outra que exista un plan de viabilidade.

A Xunta de Galicia quere transmitir a súa preocupación e inquedanza polo feito de que ata este momento non se deran estas condicións indispensables, xa que nin se configurou unha maioría accionarial estable, nin existe un empresario que, nas condicións anteriormente citadas, asuma compromisos económicos; pola contra día a día constátanse as diverxencias entre os actuais socios.

Dende a Xunta de Galicia faise un chamamento a que se obvien as dificultades e transmítese ós traballadores a vontade decidida de apoiar a continuidade, dentro do marco e as posibilidades legalmente establecidas, na actividade laboral desta plantilla altamente especializada así como o mantemento da cota de mercado que veu representando este proxecto empresarial.

O Goberno galego reitera a necesidade de que se cumpran dúas condicións previas para poder actuar e axudar na viabilidade da empresa:
1.- Acordo entre os socios para constituír unha maioría accionarial estable con capacidade xurídica e económica para a interlocuación coa Administración.
2.- Un plan de viabilidade sobre o que podan traballar as distintas Consellerías afectadas conxuntamente coa dirección da empresa.

Polo que se refire á plantilla, a Xunta insiste na vontade de total apoio, sexa cal sexa a situación na que finalmente derive este tema, mesmo mediante incentivos para a priorización da súa contratación por parte de empresas que reciban axudas públicas, priorización a efecto de promoción do emprego e de formación e colocación se, finalmente, fose o caso.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia