Skip to main content

Fernández Antonio transmítelle a Solbes a importancia de que os orzamentos do Estado de 2006 presten o seu apoio a Galicia para incrementar a converxencia con España e Europa

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, reuniuse en Madrid co vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, para coñecer os plantexamentos do Executivo central respecto ao financiamento autonómico e aos vindeiros orzamentos xerais de 2006. A reunión, á que tamén acudiu o secretario de Estado de Facenda, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, desenvolveuse nun clima de cordialidade e receptividade moi alta do ministro ante os temas de Galicia.

Na xuntanza, os responsables económicos de ambos executivos abordaron dous temas fundamentais, o financiamento autonómico e os orzamentos xerais do Estado para 2006.

No primeiro deles, Fernández Antonio e Solbes afondaron nos plantexamentos do Goberno de España e intercambiaron opinións en relación ao financiamento autonómico. En concreto, abordaron o financiamento sanitario de cara á próxima xuntanza do Consello de Política Fiscal e Financeira, preparatorio da Conferencia de Presidentes do 10 de setembro.

Ao respecto, o conselleiro trasladoulle ao ministro que resulta fundamental que se teña en conta a evolución dos parámetros de poboación que máis inciden no gasto sanitario galego, especialmente o avellentamento da poboación.

Asemade, indicoulle a Solbes que os principios que defende Galicia no financiamento poden resumirse en cinco puntos: autonomía das comunidades, equidade do sistema sanitario, solidariedade interterritorial, suficiencia financeira e esforzo orzamentario e fiscal compartido, é dicir, corresponsabilidade.

O segundo eixo da reunión centrouse en coñecer os plantexamentos e criterios do vicepresidente económico respecto ós orzamentos xerais do Estado de 2006, especialmente no capítulo relativo aos investimentos que se destinarán á comunidade galega.

José Ramón Fernández Antonio enfatizou a necesidade de que o Estado preste o seu apoio a Galicia neste orzamentos, co fin de incrementar os investimentos para acelerar a converxencia da comunidade con España e con Europa. Así, salientou ante Solbes a importancia de investir en I+D+i, impulsar a sociedade da información, xunto con pulo ás infraestructuras.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia