Skip to main content

Medio Rural avalía positivamente a reunión mantida cos axentes da Denominación de Orixe Rías Baixas

Os directores xerais de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido Presas, e de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca Fernández, presidiron o encontro cos tres principais sindicatos agrarios galegos (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores), que acudiron en representación dos productores, cos membros do Consello Regulador, representados pola súa presidenta Marisol Bueno, e cos representantes das adegas adscritas á Denominación de Orixe Rías Baixas.Na reunión analizáronse os retos aos que se enfronta o subsector do viño no inicio da campaña deste ano.

Os participantes amosaron a súa satisfacción polo alto grao de representatividade e participación dos colectivos convocados, así como polo ambiente de cordialidade que presidiu a reunión. No encontro chegouse a un principio de acordo á hora de fixar as prioridades que deben marcar a actual campaña: recoller toda a uva de calidade -evitando que se introduza a producción foránea- vender toda a colleita e establecer prezos que satisfagan ás dúas partes implicadas no intercambio comercial (viticultores e adegas).

Co obxectivo de acadar compromisos concretos, a Consellería que dirixe Alfredo Suárez Canal convocou de novo aos representantes da D.O. Rías Baixas a unha reunión que terá lugar o vindeiro día 10 de setembro na sede da Delegación provincial do Medio Rural en Pontevedra.


ESTIMACIÓNS DE COLLEITA

Segundo os datos recabados polo Consello Regulador Rías Baixas, nesta campaña recolléranse arredor de 25.0000.000 quilos de uva nas cinco zonas adscritas á Denominación de Orixe: O Rosal, Ribeiro do Ulla, Condado do Tea, Val do Salnés e Soutomaior, que suman en total 3.009 hectáreas de plantación. O volume de produción continuará un ano máis a tendencia á alza iniciada en 2000. Desde esa campaña triplicouse a cantidade de uva de vinificación recollida, pasando dos 8.499.771 quilos aos 25.000.000.

ROLDA DE CONTACTOS

Coa reunión, Medio Rural inicia unha aproximación ás cinco Denominacións de Orixe galegas que se dedican á produción do viño. Mañá xoves, 1 de setembro, están convocados para ás 12:00 horas os axentes da D.O. Valdeorras e para as 17:30 horas os colectivos adscritos á D.O. Ribeira Sacra. Ámbalas dúas reunións terán lugar na sede da Consellería en Santiago. A seguinte toma de contacto será o vindeiro luns, 5 de setembro, e a ela asistirán os membros das D.O. Ribeiro e Monterrei en idéntico horario.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia